Pasar al contenido principal

O grupo de Rubén Nogueiras recibiu o premio da Fundación Dr. Antonio Esteve ao mellor artigo de investigación farmacolóxica publicado por un autor español en tres anos

O investigador Rubén Nogueiras (Foto: Andrés Ruiz)
O investigador Rubén Nogueiras (Foto: Andrés Ruiz)

Os investigadores do grupo de Metabolismo Molecular da USC Rubén Nogueiras e Daniel Beiroa recibiron este martes 4 o galardón outorgado pola Fundación Dr. Antonio Esteve ao mellor artigo de investigación farmacolóxica publicado por un autor español nos últimos tres anos.

O traballo premiado conseguiu, por un lado, demostrar en roedores cómo a liraglutida actúa no cerebro e activa un mecanismo para queimar graxa e incrementar o gasto enerxético sen que se vexa afectada a inxesta de alimentos. Por outra banda, a investigación tamén realizou un exhaustivo seguimento de quince pacientes con obesidade e diabete tipo 2, controlando periodicamente o peso, a alimentación, a insulina, a glucosa e outros indicadores. Despois dun ano de tratamento, os pacientes mostraron un maior gasto enerxético e lograron perder un 5% de graxa, resultados especialmente relevantes, xa que esta redución contribúe a mellor o seu perfil clínico.

A entrega do galardón, outorgado por un tribunal internacional e dotado con 18.000 euros, celebrouse nun acto no Centro de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC. Interviñeron a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e o director da Fundación Dr. Antonio Esteve, Fèlix Bosch. Deseguido Rubén Nogueiras realizou unha presentación do grupo de investigación e Daniel Beiroa, primeiro asinante do traballo, presentou un resumo do artigo premiado.

Contra a obesidade
O efecto da liraglutida, medicamento utilizado no tratamento da diabete tipo 2, na diminución do peso corporal abre ás portas ao seu emprego contra a obesidade. O importante achado do grupo que dirixe o profesor da Universidade de Santiago Rubén Nogueiras e que agora premia a Fundación Dr. Antonio Esteve publicouse en 2014 na revista Diabetes. O equipo de Rubén Nogueiras ten o seu laboratorio no Centro de investigación en Medicina Molecular e Enfermidade Crónicas da USC (CiMUS) e está adscrito tamén ao CIBER de Obesidade e Nutrición.

O medicamento administrado a paciente obesos e con diabete tipo 2 dende 2009 non só regula o desaxuste de glucosa senón que tamén adelgaza sen necesidade de alterar os hábitos alimenticios ou realizar exercicio físico. O artigo galardoado, ‘GLP-1 agonism stimulates brown adipose tissue thermogenesis and browning through hypothalamic AMPK’ está publicado na revista Diabetes, unha das máis prestixiosas dentro da área de endocrinoloxía e diabetes. Segundo a Web of Science, recibiu máis de 85 citas nos dous últimos anos e máis de 110 en Google Scholar.

Rubén Nogueiras
O director do grupo, Rubén Nogueiras, foi elixido o pasado ano como o mellor investigador novo en España na área de diabetes pola Fundación AstraZeneca e o Instituto de Saúde Carlos III, un ano despois de ter sido galardoado co Rising Star da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes. Ademais ten recibido diversos premios da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e da Asociación Europea para o Estudo da Obesidade. A súa traxectoria súmase tamén agora o Premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve, que recollerá o primeiro autor do artigo, Daniel Beioroa, nun acto no CiMUS o próximo mes de xullo.

Premio Fundación Esteve
Esta é a decimoquinta entrega do galardón, que este ano se concede ao mellor traballo de farmacoloxía publicado por un autor español nos últimos tres anos en calquera dos seus aspectos (deseño, síntese, desenvolvemento galénico, avaliación clínica ou de laboratorio, uso, ...). Os 55 artigos enviados ao longo desta convocatoria foron avaliados polo tribunal internacional composto por Fèlix Bosch (España), Rachel Tyndale (Canadá) e Xavier Guitart (Estados Unidos).

Daniel Beiroa é o primeiro asinante do traballo (Foto: Andrés Ruiz)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2017.