Un foro sobre enxeñaría agrícola debate este venres no campus de Lugo sobre atribucións e responsabilidade civil dos enxeñeiros
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Coita) de Lugo celebra este venres, a partir das 17.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, un encontro profesional de técnicos agrícolas e graduados e graduadas en Enxeñaría Agrícola, no marco do que se tratarán cuestións ligadas coas atribucións, competencias e responsabilidade civil dos enxeñeiros e enxeñeiras agrícolas, ao tempo que se informará sobre a mutualidade Munitec.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Monserrat Valcárcel Armesto, será a encargada de abrir este foro técnico, no marco do que o presidente do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España, Javier Lorén Zaragozano, ofrecerá o relatorio ‘ Atribucións, competencias e responsabilidade civil do enxeñeiro/a’.
O programa da xornada continuará cunha charla informativa sobre a mutualidade Munitec, a cargo do vicepresidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, José Antonio López Sierra, para rematar logo cun coloquio moderado polo presidente do Coita de Lugo, Marcos Vázquez Marey. A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, participará na sesión de clausura do encontro.