A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC presenta cun foro a tecnoloxía de fotodepuración por ultravioleta

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC organizará este mes de setembro unha xornada técnica e de presentación da tecnoloxía de fotodepuracón por ultravioleta patentado pola empresa SurePure AG Suíza no marco dunha xornada técnica que se desenvolverá o 29 de setembro e na que intervirán como relatores representantes en España e Portugal da citada empresa, así como da firma Atlántica SL.
O sistema tecnolóxico de fotodepuración por raios ultravioleta patentado por SurePure ten un efecto xermicida que permite unha desinfección eficaz de materias primas e produtos finais, tales como o son os produtos lácteos, viño, cervexa, zumes de froitas e concentrados, salmoiras ou ovo líquido. As vantaxes que depara o emprego desta tecnoloxía son múltiples, xa que ademais de ser capaz de purificar microbioloxicamente líquidos turbios e con gran opacidade á luz, seu emprego tamén permite un significativo aforro de custes no proceso de produción, enerxéticos, ao tempo que preserva mellor as calidades organolépticas das materias primas. As persoas que participen como asistentes nesta xornada técnica e de demostración poderán observar en directo o funcionamento dun equipo piloto, que será presentado por persoal especializado da empresa, tal e como o son Guy Kebble e Christophe Joveniaux, director executivo e enxeñeiro de SurePure, respectivamente. O enxeñeiro de Atlántica SL Miguel Pazos, e Paz Capell, responsable de relación internacionais desta empresa, tamén intervirán como relatores neste foro técnico e de presentación da tecnoloxía de fotodepuración por raios ultravioleta. De feito, Pazos e Capell abrirán a xornada, que se prolongará de 9.00 a 14.30 horas, cun relatorio explicativo das vantaxes, utilidades, prestacións e aplicacións desta tecnoloxía. De seguido, a técnico de I+D e innovación da APLTA, Laura Abuín Arias, abordará cuestión relativas ás novas tendencias na industria alimentaria e a progresiva integración da tecnoloxía por raios ultravioleta nos procesos produtivos. A xornada, cuxo programa está accesible na web da APLTA do Campus Terra da USC é de carácter gratuíto para todas as persoas interesadas. O aforo está limitado a un máximo de 60 participantes, que deben formalizar a súa inscrición con antelación a través do enderezo de correo electrónico elena.lopez [at] aplta.es (elena[dot]lopez[at]aplta[dot]es).