Pasar al contenido principal

Spin2016 convida os universitarios a vivir unha aventura emprendedora no Camiño de Santiago

Spin2016 convida os universitarios a vivir unha aventura emprendedora no Camiño de Santiago
Spin2016 convida os universitarios a vivir unha aventura emprendedora no Camiño de Santiago
cubrirá todos os gastos dos participantes, e ofrece ademais unha axuda para a viaxe a España dos universitarios latinoamericanos seleccionados.

Spin2016, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario, convoca os estudantes de todos os países da rexión iberoamericana a participar en The Spin Way, unha experiencia única coa que poderán desenvolver unha idea de negocio mentres percorren o Camiño de Santiago. Unha iniciativa organizada por RedEmprendia, Uninova, a Universidade de Santiago de Compostela e o Tecnológico de Monterrey co apoio da Fundación Cotec e do Banco Santander, a través de Santander Universidades.

The Spin Way promove a cooperación, o esforzo e o espírito emprendedor dos mozos e mozas, combinando o talento de universitarios de diferentes nacionalidades cun obxectivo común: dar forma a un proxecto emprendedor e presentalo en Spin2016, na Cidade da Cultura de Galicia, ante máis de 2.000 asistentes do mundo da universidade, os negocios, a ciencia e a cultura.

Os participantes percorrerán durante catro días os últimos 100 quilómetros do Camiño de Santiago, acompañados de expertos e mentores que lles brindarán apoio á hora de desenvolver as súas ideas de negocio. Unha auténtica aventura emprendedora coa que porán a proba as súas capacidades e vivirán unha experiencia internacional seguindo unha das rutas de peregrinación máis importantes de Europa e do mundo. Só no ano 2015 máis de 260.000 persoas de 179 nacionalidades fixeron o Camiño a Santiago de Compostela.

Os universitarios interesados en formar parte de The Spin Way teñen ata o día 12 de xullo para inscribirse a través do formulario dispoñible na web http://www.spin2016.org/thespinway. Serán seleccionados un máximo de 30, que terán todos os gastos pagos durante a súa participación no programa. Ademais, os universitarios de América Latina e do Caribe que teñan que vir a España contarán cunha axuda de 500 euros para a súa viaxe.

Os estudantes seleccionados en The Spin Way poderán formar parte tamén dunha delegación de 22 mozos e mozas, representantes de todos os países da rexión iberoamericana, que traballarán na elaboración do manifesto ‘ Iberoamérica Emprende desde a Universidade’, iniciativa coordinada pola Fundación Cotec.

A meta: Spin2016
Xa en Spin2016, os trinta seleccionados terán a oportunidade de presentar os proxectos resultado da súa experiencia. Do 29 de setembro ao 1 de outubro, Spin2016 reunirá en Compostela un completo programa que inclúe conferencias, marketplace, obradoiros e seminarios, networking... ademais dun un foro de investimento para startups e spin-off con xen universitario e premios para os mellores proxectos emprendedores.

Un evento que converterá a Cidade da Cultura de Galicia no epicentro do talento emprendedor da Universidade, e que conta co compromiso de RedEmprendia –a rede iberoamericana das universidades emprendedoras-, a Xunta de Galicia, a USC, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Banco Santander, a través de Santander Universidades.

Nesta edición Spin2016 mobilizou tamén as universidades de Vigo e A Coruña e as 28 universidades de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México, Portugal e Perú que forman parte de RedEmprendia. O evento ten ademais o patrocinio de entidades e empresas como a Fundación EY, Google, Indra ou Iberia, e a colaboración de máis de medio cento de organizacións públicas e privadas.

Sobre RedEmprendia
RedEmprendia (www.redemprendia.org) é unha rede universitaria que desenvolve programas internacionais para apoiar a creación, crecemento e consolidación de empresas baseadas no talento e no coñecemento xerado na Universidade. Integrada por 28 universidades de 8 países, ten a Banco Santander, a través de Santander Universidades, e a Universia como aliados estratéxicos para desenvolver a súas iniciativas. Entre as actividades de RedEmprendia sobresae especialmente o evento Spin2016, o encontro máis importante dedicado ao emprendemento universitario, e BoosterWE, programa de bolsas internacionais para mellorar as competencias en liderado e xestión empresarial dos novos emprendedores, realizado co apoio do Fondo Multilateral de Inversiones do Banco Interamericano de Desarrollo (FOMIN-BID).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2016.