Pasar al contenido principal

Comeza no Museo de Pontevedra o simposio ‘Redes de contacto entre músicos, literatos e ideólogos na Galicia do eixe atlántico’

A etapa comprendida entre a metade do século XIX e a Guerra Civil foi fundamental para a definición das ‘etiquetas’ que definen a música galega. Ao espertar do aprecio polo folclore entre a burguesía intelectual galega da Restauración seguiulle un cada vez maior interese en adoptar símbolos identitarios propios que se buscaban na historia, na fala ou na música. É un proceso que quedará truncado en 1936, se ben os elementos definitorios da cultura galega seguirán empregándose, e mesmo farán uso deles o aparato propagandístico da ditadura.

Tomado este proceso como base e as grandes urbes do Atlántico como contexto, entre os días 1 e 3 de decembro desenvólvese en Pontevedra o simposio ‘Redes de contacto entre músicos, literatos e ideólogos na Galicia do eixe atlántico (1875-1951’ que, entre outros, organiza a Área de Historia da Música da USC e o grupo de investigación Organistrum da USC.

O programa contempla varias sesións temáticas arredor de Ramón de Arana e Ferrol; A Coruña e Compostela como eixos urbanos de actividade musical e teatral; universos sonoros na obra de Torrente Ballester; ou Pontevedra e Vigo, imaxes da Galicia proxectadas alén do Atlántico. A sesión inaugural celebrarase este xoves 1 no Museo de Pontevedra e dará paso á primeira mesa de traballo que preside Carlos Villanueva sobre ‘Ramón de Arana arredor de Ferrol’ e na que intervirán os profesor da USC F. Javier Garbayo Montabes e Monserrat Capelán Fernández e Xavier Groba González, do IES Primeiro de Marzo de Baiona.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2016.