Comezan as Xornadas de Música Contemporánea, cun total de 20 concertos
Un ano máis, a USC colabora coas Xornadas de Música Contemporánea que tratan de fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea e que comezan este sábado e rematarán o 1 de decembro. Baixo o título ‘ ConCiencia da Palabra’, serán 20 concertos a cargo de 14 agrupacións musicais en distintos espazos da cidade, entre eles o Paraninfo e a Igrexa da Universidade. Todos serán de balde, agás o da Real Filharmonía de Galicia.
As xornadas comezan este sábado 1 co Airas Ensemble nun concerto no Paraninfo no que, baixo o nome de ‘Océanos’, se poderá asistir á estrea absoluta do ‘Quinteto de vento’ de Óscar Colomina, ademais de obras de Jesús Bal y Gay e Octavio Vázquez. Os días 8 e 9 de outubro haberá dúas propostas de Vertixe Sonora Ensemble: o día 8 ‘Kairós, o momento oportuno’ e o 9 presentan ‘ Microteatro Psicopático: palabras perdidas, monstros e espazos misteriosos’, un achegamento á obra literaria de Javier Tomeo co compositor Óscar Carmona e acompañados polo actor Carlos Álvarez-Ossorio.
O sábado 15 o conxunto vocal catalán Música Reservata presenta ‘Conceptio universalis’ cun programa que xoga cos contrastes entre o novo e o vello, con pezas de onte inseridas entre as actuais, entre as que ademais figura unha re-estrea de obra encargo do CNDM. O 16 de outubro o Ensemble Música Práctica presenta ‘Catro tímbricas pintadas’, que ofrece unha narrativa audiovisual na que as cores que configuran as imaxes están asociadas a cada un dos catro instrumentos que conforman o ensemble.
As dúas propostas coas que pecha outubro chegan da man do Taller Atlántico Contemporáneo. O día 28 ofrece ‘The Rothko Chapel’, obra absolutamente hipnótica e fascinante que se verá potenciada pola extraordinaria acústica da Igrexa de san Domingos de Bonaval; e xa os días 29 e 30 ‘Vox Balaenae’, obra para violonchelo, frauta e piano amplificados que está inspirada no canto dunha balea xorobada que George Crumb escoitara nunha gravación.
Novembro
O mes de novembro comeza o día 4 co Hércules Brass que farán un percorrido pola música actual galega a través das distintas estéticas musicais creadas polos compositores da Asociación Galega de Compositores tres dos cales, Luís Carro, Juan Durán e Xabier Comesanha, ofrecerán unha charla ao inicio do concerto. E o 5 co Cuarteto Bretón, que presenta tres obras moi distintas: o Cuarteto de cordas núm. 8 de Shostakovich, unha estrea absoluta do compositor Mario Diz e a estrea en España do Cuarteto de cordas núm. 6 de Philip Glass.
O día 11 a Orquestra de Cámara Galega quere recoller algún dos sons de creadores do Atlántico, sen fronteiras, para recalar durante un intre nunha sentida homenaxe ao noso máis prolífico compositor, o Mestre Rogelio Groba. E xa o día 12 soará o Quinteto Invento cun repertorio exclusivamente galego que inclúe obras para vento metal, con piano nalgunha delas, pertencentes aos séculos XX e XXI, tamén de diversos autores da Asociación Galega de Compositores. De novo haberá unha charla previa ao concerto con Carro, Durán e Comesanha.
O domingo 13 chegará a colaboración da Banda Municipal de Compostela co concerto ‘Imaxes contemporáneas’ dirixido por Casiano Mouriño.
A Orquestra Universitaria do Espazo de Cámara da USC presenta o venres 18 e de novo o sábado 20 o programa ‘O século XX, un camino de melodías’, que recolle composicións e estreas chegadas de alumnado pertencente aos principais centros superiores de estudos de composición de cada un dos cinco Camiños de Santiago. Antes do concerto poderase charlar con Francisco Durán, profesor titular de Análise Xeográfico Rexional da USC. A seguinte cita será con David Apellániz e Alberto Rosado o día 19 de novembro, que presentan un programa contemporáneo con catro obras de compositores españois, incluído un encargo do CNDM, e outras tantas de compositores internacionais consagrados.
Pecha a programación de novembro con tres programas diferentes de Zoar. O venres 25 coa proposta ‘SH4K3SP34R3’ que comezará cunha presentación de Jorge Sacido Romero, profesor de Literatura Inglesa da USC; e o día 26 será ‘C3RV4NT3S’ con charla previa da man de Santiago Fernández Mosquera, catedrático de Literatura Española da USC. A última das propostas de ZOAR, o domingo 27, será ‘Juego de ladrones’, adaptación didáctico-musical arredor do texto de ‘Rinconete y Cortadillo’ de Miguel de Cervantes.
Clausura
Esta edición das Xornadas de Música Contemporánea rematarán o 1 de decembro coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Jaime Martin e co violinista Anthony Marwood. Interpretarán ‘ Tres pinturas velazqueñas’ de Jesús Torres; o Concerto para violín de Kurt Weill e a Sinfonía núm 4 en si bemol maior de Beethoven. A entrada para este concerto terá un prezo de 15 euros co 50% para estudantes e xubilados e pode mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou na billeteira do Teatro Principal e o mesmo día do concerto tamén na do Auditorio de Galicia.
Para esta edición das Xornadas mantense a mesma liña de traballo e colaboración institucional do ano pasado, froito da iniciativa, coordinación e promoción do Concello de Santiago, a USC o CGAC, o Centro Nacional de Difusión Musical, CNDM, a Deputación da Coruña e coa colaboración do Consorcio de Santiago.