Os novos procesos culturais, a debate na Casa do Saber no marco do ciclo Conversas das Culturas do Máster en Servizos Culturais

Os novos procesos culturais centrarán a temática dos debates do ciclo Conversas das Culturas, un programa de relatorios organizado ao abeiro do Máster en Servizos Culturais e aberto a todo o público interesado que ten como eixo fomentar o debate arredor da diversidade das culturas, ademais de reivindicar a aposta pola ecoloxía dos saberes.
As Conversas das Culturas, que se desenvolverán no auditorio da Casa do Saber de Lugo durante a última semana de abril, forman parte dunha das accións do CulturaLab do Máster en Servizos Culturais, un espazo entendido como un laboratorio para a experimentación e o prototipado de novas metodoloxías de intercambio de coñecementos.
O alumando do propio máster das USC foi nesta ocasión o encargado de decidir os conversadores encargados de guiar cada unha das sesións incluídas nesta iniciativa, coordinada formativa, que está coordinada por Fran Quiroga no marco do CampUSCulturae, un proxecto europeo dirixido por Xosé Antonio Neira Cruz e que conta co financiamento da USC e da EACE Cultura Agency.
Nesta ocasión, e continuando coa aposta pola innovación que pretende o CulturaLab, o alumnado do máster escolleu catro relatores entre as 20 propostas recibidas. “A participación do alumnado en todo o proceso de organización e deseño das Conversas da Culturas, tanto na elaboración das bases da convocatoria, como na selección e mesmo nas propias conversas, outorgan a este ciclo un formato innovador de aprendizaxe que sitúa o Máster en Servizos Culturais da USC entre as propostas educativas máis innovadoras no plano español ao ser capaz de involucrar ao seu estudantado”, sinala Quiroga.
Programa e conversadores
O programa propiamente dito das Conversas das Culturas comezará o 25 de abril cunha intervención da activista cultural e co coordinadora da Casa Colorida, Silvia Villar, cuxa conversa, sobre a autoxestión cultural e sentido común, transitará a través de dúas experiencias nas que a conversadora participa: A Tabacalera en Madrid e a Casa Colorida en Nigrán, dous casos que poden entenderse como claros expoñenentes das “institucións do común”.
O Proxecto Cárcere, promovido pola plataforma cidadá que reivindica o uso público do cárcere da Coruña e a rehabilitación do antigo cárcere da cidade herculina como un espazo de participación cidadá dacordo cos criterios e propostas da veciñanza, centrará a sesión programada para o martes 26 abril.
A tamén activista cultural e artista, entre outras producións, en 'Fur Alle Falle', Vanesa Castro, repensará conxuntamente na conversa do 27 de abril a cultura dende a ética da permacultura como filosofía para acadar unha cultura permanente. Os temas a tratar mesta sesión son amplos e abranguen vellas e actuais fórmulas de autoxestión cultural, tales como as comisións de festas, o 'crowdfunding', a recuperación dos saberes común, ou a reutilización de espazos abandoados.
A doutora e responsable do Departamento de Educación e Acción Cultural do MUSAC, Belén Sola, pechará esta edición das Conversas das Culturas cun relatorio sobre prácticas artísticas relacionadas, durante o que explicará o traballo impulsado desde o proxecto artístico 'La rara troupe', unha iniciativa que sintetiza a evolución natural dunha serie de obradoiros realizados en tres anos de traballo por personas que comparten o interese pola saude mental e que ten como eixo central a auto representación, o medio audiovisual e o contexto da saúde mental.