Pasar al contenido principal

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC celebra o seu quinto aniversario cun concerto na Catedral

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC celebra o seu quinto aniversario cun concerto na Catedral
A Orquestra do Espazo de Cámara da USC celebra o seu quinto aniversario cun concerto na Catedral
Será o 25 de abril ás 21.00 horas e entrada libre

Cúmprense agora cinco anos do primeiro concerto oficial da Orquestra do Espazo de Cámara da USC composta por membros da comunidade educativa e dirixida por Mario Diz. Para celebrar este quinto aniversario, o 25 de abril ás 21.00 horas ofrecerá un recital na Catedral de Santiago que comezará precisamente co Concerto Grosso do mestre de capela da Catedral Buono Chiodi (1728-1783), nun intento de recuperar e pór en valor o patrimonio musical do templo compostelán. Actuarán como solistas os violíns Aida López e César Sánchez, a viola Nehir Akansu e o violonchelo Guillermo Alzugaray.

O recital, de entrada libre e gratuíta, proseguirá co Concerto para dous Violíns en Rem, BWV 1043 de Johan Sebastian Bach (1685-1750) –no que actuarán como solistas os violinistas James Dahlgren e Gregory Nedobora– e coa V Sinfonía Op. 64 –2 º mov. de Tchaikovski.

O intermedio da zarzuela Las bodas de Luis Alonso, de G.Giménez (1852-1923), coa actuación especial de Margarita Guerra, porá fin ao concerto que celebra cinco anos de éxito e no que nesta ocasión colabora o Cabildo e a Catedral xunto con Agadic.

Orquestra
A Orquestra do Espazo de Cámara naceu en 2010 co obxecto de impulsar na xuventude universitaria, e por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural que procura de maneira prioritaria a formación dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. E se ben ao comezo o convite restrinxíase á comunidade universitaria, hoxe nesta formación participan tamén estudantes de secundaria e FP, sendo en total medio cento os músicos de distintas idades que a conforman, na súa maioría alumnado universitario.

Dende 2010 a orquestra participou en numerosos proxectos como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez; o concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior a cargo de Carlos G. Amigo; un monográfico sobre Astor Piazzolla e outro sobre a música galega.

Máis recentemente, a orquestra interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi. Xa en colaboración coa Aula de Teatro da USC, a orquestra dirixida por Mario Diz realiza unha versión do musical ‘Sweeney Todd’, de Stephen Sondheim, co que acadou os premios ao mellor espectáculo do festival de teatro de Covilhâ, o do público da MITEU de Ourense e ao mellor espectáculo no XVI-ias tarptautinis universitetu teatru forumas en Vilnius, Lituania. Participou tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto á Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas.

A Orquestra, un proxecto artístico ao que se incorporaron no tempo diversos profesores da Real Filharmonía de Galicia así como outros profesores relevantes do ámbito musical galego, foi recentemente incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan formacións de máis de 28 nacionalidades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.04.2016.