Pasar al contenido principal

O Grupo Compostela lanzará a súa Escola Internacional de Verán tratando a protección e posta en valor do Camiño de Santiago

Detalle de peregrinos agardando para recoller a 'Compostelana'
Detalle de peregrinos agardando para recoller a 'Compostelana'

O Grupo Compostela de Universidades (CGU) iniciará o próximo mes de xullo a súa Escola Internacional de Verán, dedicada na primeira edición ao tema ‘Patrimonio cultural e Camiño de Santiago: protección e posta en valor’. No programa da I CGU International Summer School participan diversos expertos e profesores das universidades integrantes desta rede para profundar, entre os días 4 e 9, na protección do patrimonio asociado á ruta xacobea.

A Escola organizarase arredor de tres bloques temáticos sobre o valor cultural do Camiño de Santiago (día 4), os efectos económicos e turísticos desta ruta (día 5) e a súa dimensión xurídica (día 6). As xornadas complementaranse con actividade de campos nas tres xornadas restantes para percorrer parte dos camiños Inglés, Francés e Portugués.

O programa está aberto a estudantes das universidades pertencentes ao Grupo así como a todas aquelas persoas interesadas no programa proposto. O idioma principal desta Escola será o español. Quen desexe acadar máis información ou formalizar a preinscrición debe dirixirse á web http://www.cgusummerschool.com.

A I CGU International Summer School é unha iniciativa do Grupo Compostela de Universidades que ten como propósito a realización de actividades académicas que saquen o máximo partido ao sinal distintivo do CGU, o Camiño, para ofrecer unha actividade académica interdisciplinaria e internacional, dirixida a estudantes e profesorado das universidades membro do CGU. A CGU International Summer School rotará anualmente entre as universidades membro do CGU e a temática cambiará aínda que, en principio, estará relacionada co Camiño de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.04.2016.