A autoxestión cultural capitaliza este luns o tema de debate das Conversas das Culturas na Casa do Saber

As Conversas das Culturas, un programa de encontros abertos organizado e producido polos alumnos e alumnas do Máster en Servizos Culturais da USC logo de desenvolver unha convocatoria aberta para a selección de relatores e a elección dunha temática centrada na ecoloxía de saberes e na diversidade, comezarán este tarde, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, cunha sesión sobre as políticas dos comúns e a autoxestión cultural guiada por Silvia Villar.
Silvia Villar, experta en xestión cultural e cunha acreditada experiencia no ámbito do deseño de políticas públicas en organismos internacionais, ademais de contar con experiencia no desenvolvemento de espazos autoxestionados, aproveitará este foro aberto á participación de toda a cidadanía interesada para transitar a cabalo de dúas experiencias nas que está a participar, tales como o son A Tabacalera, en Madrid, e a Casa Colorida, en Nigrán. Dúas iniciativas entendidas como claros expoñentes das “institucións do común”. A próxima sesión das Conversas das Culturas terá lugar este martes, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, onde os membros da Plataforma Cárcere falarán sobre os seus cinco anos de reivindicación dese espazo. O mércores 27 Vanesa Castro falará de permacultura. Belén Sola pechará o xoves estes encontros abertos de análise e debate cunha sesión arredor das prácticas colaborativas. As Conversas das Culturas forman parte dunha das acción do CulturaLab do Máster en Servizos Culturais da USC, espazo entendido como un laboratorio para a experimentación e o prototipado de novas metodoloxías de intercambio de coñecementos. Estas conversas están impulsadas a través do proxecto campUSCulturae, unha aposta da USC a prol das culturas do mundo, do entendemento multicultural e do fomento da diversidade e o pluralismo, que conta co apoio económico da Comisión Europea. As persoas interesadas en seguir este ciclo de conversas poderá facelo a través da canle de youtube https://www.youtube.com/watch?v=px1-WRtHL7c. Recoméndase para o debate nas redes sociais o uso da palabra clave #conversasdasculturas.