A USC participa activamente na conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán

A Universidade de Santiago, a través da súa Cátedra Valle-Inclán, súmase con diversas propostas aos actos de conmemoración do 150 aniversario do nacemento do escritor galego que organiza a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. A presentación do programa de actos tivo lugar este venres na Cidade da Cultura presidido polo conselleiro Román Rodríguez e a ela asistiron, entre outras, a directora da Cátedra, Margarita Santos, e a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido.
A proposta da Cátedra Valle-Inclán da USC, que traballa sen interrupción dende hai máis de 20 anos na obra do escritor galego, contempla tres exposicións, unha representación teatral e a publicación de varias obras editoriais.
Proxecto expositivo
Baixo o nome ‘Valle-Inclán: xenio e figura’ a cátedra recupera para finais de outubro as mostras ‘Valle-Inclán debuxado’ e ‘Valle-Inclán: Obra ilustrada’ , realizadas con fondos anteriores a 1936 da USC e do propio Grupo Valle-Inclán. A primeira pon de relevo o orixinal deseño gráfico e a ilustración da obra valleinclaniana a través de paneis que amosan imaxes de preto de 140 edicións orixinais; mentres que a segunda é unha exposición de máis de 240 caricaturas do autor.
A elas engádese unha terceira interactiva, ‘Outros verbos, novas lecturas: Valle Inclán traducido’, promovida polo Consello da Cultura Galega, qu ofrece a proxección internacional de Valle-Inclán no seu tempo a través das súas traducións.
Teatro
O catedrático da USC e director da RAE, Darío Villanueva, será o encargado de presentar a dramatización de La media noche (1917). O Teatro de La Abadía é o creador deste espectáculo que pon na escena o director deste centro de estudos e de creación escénica, José Luis Gómez. Trátase dunha montaxe baseada nunha obra profundamente innovadora, que versa sobre I Guerra Mundial.
Proxecto editorial
Está previsto ademais editar un novo volume do Anuario Valle-Inclán, revista de carácter monográfico para a difusión no ámbito do hispanismo das investigacións realizadas sobre a figura e a obra do escritor. Este ano a cátedra edita un número especial dedicado ao centenario da publicación de La lámpara maravillosa, obra clave para entender a concepción da arte do seu autor.
Ademais, na Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da USC verán a luz en 2016 dúas edicións de textos inéditos do Legado Valle-Inclán Alsina depositado na USC. De inmediata aparición será a edición facsimilar El Cuaderno de Francia, que contén as notas escritas de puño e letra do escritor perante a súa estadía en Francia e a súas visitas ás trincheiras na I Guerra Mundial. Por outra banda, publicarase no segundo semestre do ano o dossier xenético de La media noche, con manuscrito, galeradas, texto de prensa e texto impreso.
Esta programación editorial completarase coa realización por encargo da Obra completa de Valle-Inclán, un proxecto en cinco volumes que culminará en 2017.
Arquivo Dixital
Para favorecer o acceso ao legado Valle-Inclán, A USC ten previsto pór en aberto en 2017 o Arquivo Dixital Grupo Valle-Inclán USC, que contén todo o fondo documental impreso e bibliográfico do Grupo, con 80.000 imaxes dixitais.