Pasar al contenido principal

Violín e piano no sexto concerto do XVIII ciclo Novos Intérpretes

Violín e piano no sexto concerto do XVIII ciclo Novos Intérpretes
Violín e piano no sexto concerto do XVIII ciclo Novos Intérpretes

O Paraninfo da Universidade será o luns 29 de novo o escenario no que as pianistas Marina Fernández Rueda e Oleksandra Totkalova e o violinista Luís López Jorge ofrezan ás 20.00 horas o sexto concerto do XVIII ciclo Novos Intérpretes, de entrada libre.

Comezará o recital Marina Fernández (Béjar, 1993) con pezas de Einojuhani Rautavaara, Franz Schubert e Franz Liszt. Esta nova pianista comezou os seus estudos a idade temperá con Caridad Argente para en 2006 trasladarse a Compostela e proseguer coa pianista Ilona Timchenko e en 2012 no Conservatorio Superior de Música de A Coruña onde cursa 4º co profesor José Manuel Yáñez. En 2011 foi convidada ao Festival Internacional A escola rusa en Aveiro (Portugal) e desde ese ano é pianista da Banda Municipal de Arca (O Pino), gañadora do primeiro e segundo premio no Concurso de Bandas de Santiago de Compostela. En 2013 obtivo o premio extraordinario Trío Magrí no Curso A-MI-LA-DO (Santiago).

Bach, Prokofiev, Schumann e Beethoven son os compositores que interpretarán na segunda parte do recital Luís López co seu violín e Oleksandra Totkalova ao piano. Nado en Santiago, López comezou os seus estudos musicais aos oito anos no colexio Manuel Peleteiro co profesor Orestes Reyes. En 2007 ingresa no Conservatorio Profesional de Música coa profesora Elena López-Felpeto Paz, uns estudos que finaliza con matrícula de honra en violín e premio extraordinario. Foi membro da Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia e asistiu a tres encontros da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia. En 2013 gañou o II Concurso de Solistas do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela e obtivo como premio unha actuación como solista xunto coa orquestra de dito conservatorio. Desde 2010 é alumno de Grigori Nedobora na Escola de Altos Estudos Musicais.

Nada en Kherson (Ucrania) hai 19 anos, Totkalova comeza a tocar o piano aos cinco anos de idade; aos seis gaña o seu primeiro concurso e aos sete ofrece o seu primeiro concerto como solista. Dende aquela gañou máis de 25 concursos internacionais de piano en Ucrania, os máis significativos os celebrados en honra a Neuhaus, Richter e Karamanov. Durante os seus estudos no Colexio de Música en Ucrania recibiu varias bolsas dos gobernos rexional e municipal de Kherson. En novembro de 2015 gañou o Premio Especial Universidad Popular de Albacete no XXXV Concurso Nacional de Jóvenes Pianistas Ciudad de Albacete. Actualmente estuda co profesor Alexander Gold na Escola de Música Berenguela en Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.02.2016.