Pasar al contenido principal

O emprendemento e a creación de empresas centran un foro de orientación laboral este mércores na EPS de Enxeñaría de Lugo

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A segunda sesión do programa ‘A fórmula cara o teu emprego’ comeza ás 10.00 horas no centro universitario lugués e inclúe unha visita ao CEI Nodus en quenda de tarde

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC favorece a busca activa de emprego de estudantes e titulados coa organización da xornada de orientación en inserción laboral ‘ A fórmula cara o teu emprego: os catro ‘E’ (EPS de Enxeñaría, Emprender, Emprego, Empresas’, un foro orientado a favorecer a inserción no mercado laboral das persoas tituladas en enxeñaría e que tratará na sesión programada este mércores, a partir das 10.00 horas, no salón de actos do centro, as posibilidades de emprendemento e de creación de empresas no eido das enxeñarías.

O programa matinal deste segundo módulo comezará cunha charla impartida pola técnica da área de Orientación e Inserción Laboral da USC no campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, sobre os recursos dispoñibles na sede universitaria luguesa para emprender. De seguido, técnicos da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC e emprendedores informarán sobre programas de emprendemento, premios e outras iniciativas que ofrece a USC neste eido.

O programa terá continuidade en quenda de tarde, de 16.00 a 18.00 horas, cunha visita guiada ás instalacións do Centro de Empresas e Innovación (Cei Nodus) do Concello de Lugo. O técnico de asesoramento e creación de empresas do Concello de Lugo Norman Veiga será o relator encargado de explicar ao público participante o funcionamento e as posibilidades que ofrece este servizo municipal.

As xornadas de orientación laboral ‘A fórmula cara o teu emprego: os catro ‘E’ (EPS de Enxeñaría, Emprender, Emprego, Empresas’ chegarán ao seu remate o vindeiro 13 de marzo no centro universitario lugués.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.02.2019.