A segunda edición do Concurso Literario Mazarelos busca novos valores da literatura galega
A segunda edición do concurso literario ‘Mazarelos’ está aberta á participación de todo o alumnado da USC que poderá achegar a súa proposta cunha obra de calquera xénero literario e tema, sempre que sexa orixinal e en lingua galega. O prazo para a presentación de orixinais rematará o 30 de setembro de 2016. Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros, que determinará un xurado composto por tres docentes da Facultade de Filoloxía e dous escritores/as sen relación actual co centro.
Coa denominación deste certame, a Comisión de Normalización Lingüística (CNL) de Filoloxía relembra o lugar que viu nacer os estudos filolóxicos e literarios na USC, a praza de Mazarelos. Ademais a súa finalidade é fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como contribuír a descubrir potenciais figuras para a literatura de Galicia.
Esta é unha iniciativa promovida pola CNL de Filoloxía, co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC e o económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O concurso recupera a tradición da Facultade compostelá no descubrimento e proxección de novas voces da literatura. Na primeira edición, resultaron premiadas Laura Camino Plaza, Paula Antía Rey Baliña e Miguel Cavadas Docampo.