Entrega de premios aos proxectos gañadores do programa Argos, de creación de equipos emprendedores
O programa Argos, de creación de equipos universitarios emprendedores, pechará este xoves 14 a súa terceira edición coa entrega de premios aos dous proxectos gañadores da convocatoria deste ano. O reitor Juan Viaño presidirá a entrega de galardóns nunha sesión ás 11.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Tamén intervirán a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Javier Aguilera Navarro; o director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), José Manuel Abella Anido; e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.
Os premios outorgados pertencen á categoría Argos Enxeño, para aquelas propostas baseadas nunha idea achegada polos propios emprendedores, e Argos Spin para os proxectos baseados en resultados de investigación da USC. Ademais tamén recibirán unha mención de honra aqueles equipos que completaron o período formativo de Argos.
A rgos
O programa está dirixido a alumnado de posgrao, máster e doutoramento, titulados/as das últimas promocións, persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación e alumnado dos últimos anos de graos. Inclúe tres fases diferenciadas que comezaron en outubro de 2015 coa participación en varias sesións informativas e de adestramento para o traballo en equipo. Nun segundo momento procedeuse á constitución dos equipos multidisciplinares con catro ou cinco integrantes. Finalmente, os equipos tiñan que desenvolver un plan de empresa titorizados por persoal do programa Argos para a súa presentación cara mediados de marzo ante un xurado.
Esta é unha iniciativa conxunta da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e da incubadora de empresas UNINOVA, que conta coa colaboración das Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, os concellos desas dúas cidades, o IGAPE e a GAIN.