A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC conmemora o centenario da primeira edición de La Casa de La Troya
A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) renderá homenaxe a Alejandro Pérez Lugín coa colocación no Museo Casa da Troia dunha placa conmemorativa do centenario da primeira edición da súa novela La casa de la Troya. O acto celébrase este luns 22 ás 19.00 horas.
A Asociación recoñece así “a destacada contribución cultural e museística á USC” e á propia cidade e a Galicia, ademais de “recoñecer o compromiso altruísta e continuado por manter viva unha tradición tan universitaria e compostelá vinculada á emblemática pensión de estudantes que reflectiu Alejandro Pérez Lugín”. Ademais fai extensivo este recoñecemento ao Padroado da Casa da Troia e á Asociación de Antigo Tunos Composteláns sobre os que recae a xestión do museo.
A sesión estará encabezada pola presidenta de Alumni USC, Benita Silva, e contará tamén coa presenza da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da xerenta do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; da concelleira de Cultura de Santiago, Branca Novoneyra; e do presidente de Antigos Tunos Composteláns, Benigno Amor.