O Museo de Historia Natural celebra cunha mostra e un obradoiro infantil o Ano Internacional dos Legumes

No seu 68º período de sesión, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou 2016 como Ano Internacional dos Legumes (AIL2016). Por este motivo, a Universidade de Santiago de Compostela a través do Museo de Historia Natural organiza unha exposición temporal que xa se pode visitar de balde.
Nesta exposición móstranse máis de trinta legumes diferentes, ordenadas por especies representativas de cultivos que na actualidade e noutros tempos houbo en Galicia. Contén sementes de fabas, garavanzos, lentellas e chícharos, acompañados de fichas explicativas das plantas que os producen e a historia do seu cultivo.
En relación con este Ano Internacional dos Legumes, o Museo de Historia Natural organiza tamén un obradoiro para nenos e nenas no mes de abril.