Comezou a Semana da Educación 2016

Abordar temas emerxentes no ámbito da educación, é o obxectivo da Semana da Educación 2016 que este luns arrancou no Campus compostelá. Co lema ‘Respondendo a retos: educación para o cambio’, o programa da Semana inclúe un conxunto de actividades educativas, culturais e sociais (conferencias, foros, debates, obradoiros, exposicións ou concertos) complementarias aos contidos das materias das titulacións que se imparten na Facultade. Entre o luns 25 e o xoves 28, as distintas propostas estarán abertas á participación gratuíta de todas as persoas interesadas, aínda que é imprescindible inscribirse.
Entre os actos centrais, atópase unha xornada sobre ‘Diversidade sexual dende a educación: unha oportunidades para trans*formar a sociedade’. O martes 26 ás 12.00 horas no edificio da Facultade en Campus Vida celebrarase a mesa redonda ‘Transexualidade infantil dende unha perspectiva multidisciplinaria’. Intervirán a sexóloga Penélope Alonso Vázquez; o catedrático e escritor Juan Gavilán Macías; o endocrino pediátrico Jesús Barreiro Conde; a presidenta e cofundadora de Arelas, Cristina Palacios Castro; e o especialista en cuestións de xénero Lucas Platero Méndez. A mesa quere visibilizar e promover o desenvolvemento de protocolos de actuación axeitados nos centros escolares, profundando neste tema “cun enfoque positivo e despatoloxizador”, explica a decana Carmen Fernández Morante.
A mesa redonda complementarase coa proxección do documental de Fernando Olmeda El viaje de Carla, nunha sesión que contará coa presenza da activista Carla Antonelli. Xa a partir das 21.00 horas está previsto un acto lembranza de Alan diante das torres Hejduk na Cidade da Cultura. Ao longo do día e a modo de acto simbólico as torres iluminaranse coas cores da bandeira ‘arcoiris’.
Mércores 27
Este ciclo de actividades inclúen o mércores 27 unha mesa redonda sobre ‘Educación e menores con enfermidades crónicas ou de longa duración’ na que intervirán a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca; a directora da Escola Camilo José Cela do CHUS, Elena Sobrino Fernández; Gonzalo Autrán Castel, presidente de ASANOG; Fernando Lacaci, da Confederación de ANPAS Galegas; a directora do grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa e investigadora do proxecto ‘Create your future’, Beatriz Cebreiro; e a decana do centro, Carmen Fernández Morante, que moderará a mesa.
A programación deseñada inclúe propostas que pretenden dar difusión á actividade propia do centro, como a presentación de grupos de investigación da Facultade ou da oferta de estudos de doutoramento e másteres, así como orientación laboral e profesional para o alumnado que remata estudos. Xuntas estas propostas, a Semana da Educación inclúe conferencia e obradoiros que achegarán os futuros profesionais ao debate arredor de novas ferramentas como profesionais da educación: a ópera como vehículo de aprendizaxe, musicar poemar para nenos/as ou obradoiros para o traballo da ciencia nas aulas.