Pasar al contenido principal

Estudantes do programa ARGOS e persoal técnico da AVTE visitaron a empresa CZ Veterinaria

Estudantes do programa ARGOS e persoal técnico da AVTE  visitaron a empresa CZ Veterinaria
Estudantes do programa ARGOS e persoal técnico da AVTE visitaron a empresa CZ Veterinaria

O persoal da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento e participantes no programa ARGOS da Universidade de Santiago visitaron esta semana as instalacións da empresa CZ Veterinaria S.A. situada no Porriño.

CZ Veterinaria S.A. é unha biofarmacéutica dedicada ao desenvolvemento e fabricación de vacinas e medicamentos para a sanidade animal tanto propios como por encargo de terceiros. Creada en 1993 con 32 empregados iniciais, conta na actualidade cun cadro de máis de 140 profesionais, na súa maioría con alta cualificación técnica. As súas instalacións ocupan máis de 10.000 m 2. e no ano 2014 facturou 17 millóns de euros.

O director de Produción, Adolfo López Cruz, explicou na visita as peculiaridades do sector biofarmaceútico, cuns elevados custos de desenvolvemento –que nunha vacina veterinaria pode chegar aos 20 millóns de euros– e o dilatado dos tempos de trámites regulatorios para poñer novos produtos no mercado –entre 5 e 7 anos–. Os participantes percorreron logo as instalacións e coñeceron todo o proceso de elaboración das vacinas, tanto fronte a bacterias como fronte a virus, a tecnoloxía utilizada e os controis de calidade aos que son sometidos os produtos.

ARGOS
O programa ARGOS é unha iniciativa conxunta da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e da incubadora de empresas UNINOVA, que conta coa colaboración das Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, os concellos desas dúas cidades, o IGAPE e a GAIN.

Tomando como eixes o “traballo en equipo” e o “aprender facendo”, ao longo do programa acompáñase aos participantes no proceso de definición dunha idea de negocio e avalíase a súa capacidade de chegar a un proxecto empresarial sólido.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2016.