Pasar al contenido principal

A USC e Sanofi Genzyme crean a Cátedra de Enfermidades Metabólicas Hereditarias

O reitor Juan Viaño e Francisco Vivar, flanqueados por María Luz Couce e José Mª Fraga. Foto: Servimav-USC
O reitor Juan Viaño e Francisco Vivar, flanqueados por María Luz Couce e José Mª Fraga. Foto: Servimav-USC

O reitor Juan Viaño e o director xeral de Sanofi Genzyme, Francisco J. Vivar, asinaron este mércores 20 un convenio de colaboración para a creación da Cátedra de Enfermidades Metabólicas Hereditarias, que estará adscrita ao Departamento de Pediatría da USC e promoverá a investigación e a docencia no campo dos erros conxénitos do metabolismo. O acto protocolario de sinatura celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome nunha sesión na que tamén estiveron presentes o xerente de Xestión Integrada da Área de Santiago, Luis Verde Remeseiro; a vicerreitora de Internacionalización Almudena Hospido; o director da Unidade Enfermidades Raras de Sanofi, Francisco del Val; o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal Otero; así como os directores da cátedra.

Esta cátedra permitirá potenciar e promover actividades innovadoras no ámbito da docencia, a diagnose precoz e a bioxenética aplicada ao campo das enfermidades metabólicas conxénitas. A súa dirección recaerá no profesor José Mª Fraga Bermúdez e na xefe de Sección de Neonatoloxía e Enfermidades Metabólicas e directora da Unidade e Diagnose e Tratamento de Enfermidade Metabólicas no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (UDyTEMCs), María Luz Couce Pico. Como sinala o doutor Fraga Bermúdez, a cátedra supón unha “iniciativa singular e unha oportunidade emblemática para profundar no estudo das enfermidades raras, mellorar a capacidade diagnóstica neste eido e achegar e incrementar solucións e esperanzas nun campo da medicina que ata hai pouco estaba pouco desenvolvido”.

A Cátedra realizará investigacións, accións formativas e cantas actividades académicas redunden na difusión, o coñecemento, a investigación e a innovación na aplicación do desenvolvemento científico á practica clínica das enfermidades metabólicas hereditarias. Tamén traballará na promoción e organización de iniciativas que contribúan á reflexión e o debate neste eido e establecerá a relación científica e colaborativa máis ampla posible coa UDyTEMCs, unidade de referencia do Sistema Nacional de Saúde e do Sergas, e co IDIS, en particular.

Como puxo de manifesto o reitor durante o acto de presentación, a “cátedra é un exemplo e colaboración estratéxica entre a universidade, o sistema de saúde e os seus centros de investigación, neste caso para a atención e o tratamento de enfermidades pouco frecuentes, das asociacións de pacientes, da sociedade e da empresa farmacéutica coa súa aposta de incrementar a innovación en materia de I+D+i”. Viaño lembrou que as cátedras institucionais da USC son “ámbitos especiais para a reflexión, o debate, o estudo e a investigación en todos os ámbitos académicos que xorden da necesidade de potenciar ao máximo a relación entre a comunidade universitaria e o seu contorno”.

Para o profesor Fraga Bermúdez, a diagnose e tratamento das enfermidades metabólicas conxénitas é un dos campos no se están logrando avances científicos e prácticos máis espectaculares nos últimos anos”. Ao mesmo tempo, organizacións internacionais como a OMS ou a Unión Europea demandan unha maior atención da investigación, das universidades, das políticas sanitarias, da industria farmacéutica e da sociedade para mellorar a atención sociosanitaria dos pacientes e das familias afectadas. Dende esta perspectiva, a cátedra “tenta tamén ser unha resposta a esta demanda e a esta necesidade”.

“A misión de Sanofi Genzyme, a nosa misión, é investigar e desenvolver terapias para pacientes con enfermidades xenéticas de baixa prevalencia e necesidades médicas non cubertas, ofrecendo esperanza onde nunca antes a houbo. Creo que coa nosa participación na creación desta Cátedra estamos levando a cabo nada máis e nada menos que a nosa misión. O labor dunha compañía como Sanofi Genzyme debe completarse coa formación académica, a investigación básica e clínica e como non, coa divulgación sobre as enfermidades” afirmou Francisco Vivar, director xeneral de Sanofi Genzyme.

Sanofi
Sanofi, líder mundial da industria da saúde, descobre, desenvolve e distribúe solucións terapéuticas orientadas ás necesidades do paciente. Sanofi concentra os seus esforzos no ámbito da saúde en sete plataformas: solucións para a diabete, vacinas humanas, fármacos innovadores, saúde do consumidor, mercados emerxentes, saúde animal e Genzyme. Sanofi cotiza na bolsa de París (EURONEXT: SAN) e na de Nova York (NYSE: SNY). Sanofi Genzyme, como unidade de negocio global de Sanofi, céntrase no desenvolvemento de tratamentos enfocados en enfermidades de difícil diagnóstico e tratamento.

O acto contou coa asistencia dun grupo numeroso de persoal investigador afín á cátedra. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.01.2016.