Pasar al contenido principal

Cruz Vermella Española crea na USC a súa primeira cátedra para a mellora da calidade de vida das persoas maiores

O reitor Juan Viaño e o presidente nacional de Cruz Vermella Española, Javier Senent, asinaron o convenio (Foto: SERVIMAV-USC)
O reitor Juan Viaño e o presidente nacional de Cruz Vermella Española, Javier Senent, asinaron o convenio (Foto: SERVIMAV-USC)

A USC e Cruz Vermella Española traballarán na mellora da calidade de vida das persoas maiores cunha cátedra dedicada a fomentar a docencia e investigación nese campo. A creación da cátedra, a primeira de Cruz Vermella, formalizouse este mércores coa sinatura dun convenio no que participaron o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente nacional de Cruz Vermella Española, Javier Senent.

A presentación contou ademais coa presenza do conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey; do director da Cátedra, o profesor da USC Manuel Gandoy; da vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; e da presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro Rojo.

Entre as accións da cátedra figuran a realización de actividades académicas e a promoción daquelas que teñan que ver co envellecemento ou a calidade de vida das persoas maiores, a promoción da investigación e a difusión de traballos ou a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas da cátedra.

Servirá así mesmo como instrumento para favorecer a colaboración entre persoal investigador, docentes e profesionais de renome internacional tanto cos da USC como cos vinculados ao movemento internacional de Sociedades de Cruz Vermella e Media Luna Roja.

En esencia, explicou o reitor, a cátedra vai permitir crear “un ecosistema” no que traballadores das dúas institucións, alumnado, profesorado, voluntarios e voluntarias melloren as súas capacidades profesionais, ademais de establecer pautas e proxectos de investigación que permitan incrementar o coñecemento das múltiples disciplinas que converxen no estudo da calidade de vida das persoas maiores. “Sen dúbida –dixo–estamos ante un grande acordo do que sairemos todos beneficiados”.

O conselleiro de Política Social asistiu tamén á presentación (Foto: SERVIMAV-USC)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.01.2016.