A Universidade de Santiago ofertará un máximo de sete prazas de investigadores do programa Ramón y Cajal
A USC ofertará cinco prazas Ramón y Cajal correspondentes á última convocatoria deste programa de axudas para persoal investigador con traxectoria destacada, segundo acordou o Consello de Goberno. Ese número podería aumentar ata un máximo de sete de existiren candidatos de interese singular e estratéxico para a USC pola súa excelencia ou especificidade. En calquera caso, a formalización das prazas deberá ser ratificada unha vez efectuadas as propostas polo mesmo órgano de goberno.
As prazas deberán distribuírse por áreas de coñecemento utilizando un criterio de prioridade por necesidades docentes estruturais, e no caso de que a área sexa excedentaria e non exista financiamento externo será necesario o compromiso de cofinanciamento do grupo ou unidade de investigación que o solicita.
Na instrución cos criterios para formular a oferta de prazas da USC, na que se aclara a imposibilidade de garantir a estabilización, recoméndase que as solicitudes traten de incorporar novos perfís e capacidades complementarias ás xa existentes na USC a efectos de fortalecer a competencia das unidades de investigación.