O programa de actividades organizadas en 2015 ao abeiro do convenio Lugo Cultural contou con preto de 5.000 participantes

A programación artística e cultural desenvolvida na capital luguesa ao abeiro do convenio Lugo Cultural durante o ano 2015, un amplo abano de actividades que prestan especial atención a manifestacións artísticas como a música, clásica e galega, fotografía, teatro, danza, ademais de reservar un espazo de seu para o coñecemento e o debate, congregaron preto de 5.000 participantes, segundo se desprende da memoria relativa ao pasado exercicio e que a USC vén de presentar ao Concello de Lugo e á Deputación Provincial de Lugo, que son as outras dúas institucións públicas que participan no financiamento deste convenio.
Camiño xa de cumprir o seu primeiro cuarto de século o convenio Lugo Cultural, un acordo de colaboración institucional que na actualidade se mantén como un referente da oferta cultural da capital amurallada, mantivo en 2015 unha programación estable e de calidade, tal e como sucede desde a posta en marcha desta iniciativa a prol do desenvolvemento da cultura en Lugo. Daquela, do mesmo xeito que en edicións anteriores, o convenio Lugo Cultural posibilitou en 2015 a celebración de diversos concertos de música cámara incluídos no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e galega, no marco do ‘Lubicán’, ademais de achegarse á experimentación a través do programa ‘Sons Creativos’. O Festival de Teatro Universitario e o Encontro de Danza, así como os Cursos de Primavera e o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo foron outras das citas destacadas no calendario de actividades culturais da capital luguesa. O elevado nivel de persoas que participaron ou gozaron o pasado ano coas distintas actividades desenvolvidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural corrobora os obxectivos cos que naceu este programa, unha iniciativa luguesa orientada a fomentar a creación, formación, experimentación, investigación, distribución e intercambio de experiencias no eido das artes, con especial atención á comunidade universitaria e á súa relación coa cidade e coa sociedade luguesa.