Pasar al contenido principal

A USC asinou o convenio específico do Plan Galego de Financiamento Universitario ata 2020

No acto participaron os tres reitores, en primeiro plano (Foto: Xunta de Galicia)
No acto participaron os tres reitores, en primeiro plano (Foto: Xunta de Galicia)
Juan Viaño valora positivamente que o plan garanta unha maior vinculación do financiamento aos resultados obxectivos das universidades

Os tres reitores galegos asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi o convenio que determina o reparto específico de fondos do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020. No acto, ao que asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participaron os conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez, de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Sanidade, Jesús Vázquez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.

O novo Plan de financiamento repartirá preto de 2.480 millóns no próximo quinquenio repartidos en dous fondos principais, un dedicado ao financiamento estrutural –que inclúe a obra RAM e o custe de persoal docente e administrativo– e outro aos resultados –que ao remate do período de vixencia se agarda que chegue ao 40% do total–. Ese fondo por resultados estrutúrase en catro subfondos que son os complementos retributivos e compensación por matrículas; os custes asociados ao ensino universitario; o fomento da I+D+I a través de convocatorias ou convenios vinculados a liñas de investigación; e os resultados definidos cun panel de 12 indicadores.

Para Juan Viaño, este plan inclúe unha novidade “que debe ser o camiño para que a educación superior en Galicia continúe pola senda de crecemento: unha maior vinculación do financiamento aos resultados obxectivos que acadamos”. Así, recoñecerase de xeito progresivo a calidade das investigacións que se fan en Galicia, o número de estudantes que deciden estudar en cada unha das universidades galegas e os recursos que cada unha é capaz de captar nas convocatorias competitivas nacionais e internacionais.

Aínda admitindo que o plan “non coincide” coa proposta que a Universidade de Santiago fixo no seu momento, para o reitor compostelán o documento garante ás universidades “boa parte da estabilidade económica dos vindeiros anos e vai permitir estimular aínda máis a nosa capacidade de rendemento e de obter mellores resultados”.

O plan para a USC
No caso do fondo de financiamento estrutural, e en concreto o destinado a subvencionar gastos de persoal, dos 240.133.790 euros totais para 2016 á USC correspóndenlle preto de 99 millóns, aos que haberá que sumar 3 máis correspondentes á recuperación da paga extraordinaria de decembro de 2012. Xa no que se refire a obra RAM a USC percibirá para este ano 2.217 miles de euros, e 4.646 para financiar as prazas vinculadas do Sergas.

No fondo de financiamento por resultados, á USC corresponderanlle máis de 12 millóns no apartado de complementos retributivos e compensación por matrículas dos preto de 24 millóns totais deste subfondo para 2016. No reparto dos créditos asociados a resultados, segundo o panel de 12 indicadores acordado, a USC percibirá este ano máis de 24 millóns dos 55 previstos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.01.2016.