2015, un dos menos chuviosos dos últimos 30 anos en Compostela e cun agosto anómalo

O pasado ano 2015 foi o cuarto menos chuvioso dos últimos 30 en Compostela, con case 500 litros/m 2 por baixo da media, e cunha insolación tamén maior que a das últimas décadas con 2.096 horas de Sol recollidas nos heliógrafos. Así o reflicte o resumo meteorolóxico da cidade elaborado cos datos obtidos de cotío na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía.
O director do Observatorio, José Ángel Docobo, destaca de 2015 a seca que houbo entre o 8 de maio e mediados de agosto, curiosamente o cuarto mes máis chuvioso do ano e só cun día no que se sobrepasaron os 30º; as baixas precipitacións rexistradas en novembro; e as altas temperaturas medias do último trimestre do ano.
P recipitacións
O pluviómetro manual da estación meteorolóxica do Observatorio da USC mediu un total de 1.312 litros/m 2 en 189 xornadas (51,8% dos días). Tendo en conta que en 34 a precipitación foi inapreciable (con menos de 0,1 l/m 2), a porcentaxe final de días con precipitación quedaría no 42,5%.
Outubro foi o mes máis chuvioso con 216,8 l/m 2, seguido de xaneiro (208,0 l/m 2), decembro (196,0 l/m 2) e agosto (146,2 l/m 2). E só houbo dez xornadas con rexistro pluviométrico superior aos 30 l/m 2 (os maiores, o 5 de outubro e o 27 de agosto), que representaron máis da cuarta parte de todo o ano (29,7%).
Temperaturas
A pesares da falta de choiva, só se chegou ou superaron os 30º en oito ocasións: 4 en xuño, 3 en xullo e 1 en agosto. A máxima do ano rexistrouse o 29 de xuño con 35º4, seguida do 9 de xullo (33º7) e 21 de xuño (33º5). A este respecto, Docobo destaca as máximas de novembro -superiores a 20º en 7 días– e especialmente os 20º4 do 16 de decembro, “algo que non se producía en Compostela desde 1987”.
A mínima correspondeulle ao primeiro día de 2015, con -0º2, a única xornada na que o termómetro baixou de cero. Ademais, a mínima estivo entre 5º e 0º en 50 ocasións, maioritariamente a comezos de ano: 16 veces en xaneiro, 13 en febreiro e 12 en marzo. Destaca así mesmo a media das mínimas dos meses de outubro (15º4), novembro (13º7) e decembro (12º2), “moi por riba do que é habitual estes meses”, afirma o profesor da USC.
As noites máis quentes (mínimas máis altas) tiveron lugar os días 20 de xullo (18º8) e 11 de agosto (18º1), mentres que a máxima máis baixa correspondeulle ao 6 de febreiro con só 6º1. En xullo, a media mensual superou lixeiramente os 20º.
Insolación
En 2015 o sol brillou en Santiago máis de 9 horas nun total de 120 xornadas e, pola contra, en 52 non apareceu, sendo agosto un dos meses con menor insolación. Os heliógrafos do Observatorio da USC rexistraron un total de 2093 horas e 50 minutos de sol, cantidade superior á media das últimas décadas.