Pasar al contenido principal

O reitor e o alcalde de Santiago reuníronse para avanzar en asuntos a desenvolver este ano

O reitor e o alcalde reuníronse no Pazo de Raxoi
O reitor e o alcalde reuníronse no Pazo de Raxoi

O reitor da USC, Juan Viaño, mantivo este xoves no Pazo de Raxoi unha xuntanza co alcalde da cidade, Martiño Noriega, para tratar diversos asuntos que concirnen a ambas as dúas institucións.

Nesta primeira toma de contacto do ano manifestaron a súa vontade conxunta de redactar un novo convenio para o mantemento e aproveitamento do Campus Vida, que para o reitor mostra “un claro deterioro nestes últimos anos”. Unido a isto, barállase a posibilidade de ofertar á cidade e aos equipos federados da comarca a utilización do campo de fútbol da USC, para o que haberá que realizar algunha intervención de mellora.

O reitor e o alcalde intercambiaron impresións ademais acerca da nova construción da facultade de Medicina, cuxo emprazamento final na contorna do CHUS está aínda por definir, e o futuro da parcela do antigo Hospital Xeral, no barrio de Galeras, cuestións sobre as que o alcalde manifestou unha “postura posibilitadora” do Concello que permita que a Universidade “poida ter todas as posibilidades para desenvolver os seus proxectos”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.01.2016.