Os fotógrafos de La Voz de Galicia retratan nunha mostra o ano 2015 en Compostela

Como cada ano dende 1998, os fotógrafos de La Voz de Galicia en Santiago Xoán Soler, Álvaro Ballesteros, Sandra Alonso e Merce Ares fan unha escolla das mellores imaxes que saíron dos seus obxectivos e que resumen a realidade da cidade do ano que rematou.
A exposición Un Ano de Voz volve este martes 12 ao Colexio de Fonseca. Inaugurarase ás 20.00 horas coa presenza do reitor da USC Juan Viaño, do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o director de La Voz de Galicia, José Luís Vilela; e a valedora do Pobo, Milagros Otero, entre outros.
‘Un ano de Voz’ poderá visitarse ata o 13 de febreiro de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 h. e de 17.00 a 20.30 h. A organiza La Voz de Galicia co patrocinio da Universidade de Santiago, a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e o Concello.
As 59 instantáneas da exposición dan conta do conflito leiteiro e da tractorada que ocupou Compostela, dos xuízos polo caso Asunto ou do Códice Calixtino, das eleccións municipais e o cambio de goberno, de diversas protestas, eventos deportivos de alcance ou incendios forestais, entre moitos temas.