Conversa en radio campUSCulturae coa valedora do Pobo
A radio campUSCulturae emitirá este martes 12 ás 19.00 horas unha entrevista en profundidade coa valedora do Pobo e catedrática de Filosofía do Dereito da USC, Milagros Otero Parga, dentro do programa ‘Conversas en Fonseca’ que dirixe e presenta o profesor Xosé A. Neira Cruz.
Ao longo dunha hora de conversa, ilustrada coas pezas musicais que a seleccionou a propia convidada, Milagros Otero fai un percorrido pola súa experiencia docente e profesional, así como polos desafíos do seu actual cargo e a situación que Galicia e España están a vivir.
En anteriores entregas do programa ‘Conversas en Fonseca’ -dispoñibles en podcast na web do proxecto campUSCulturae- foron entrevistados a profesora de Filoloxía Española e directora da Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, e o catedrático de Electromagnetismo e director do programa Conciencia, Jorge Mira Pérez. En próximas entregas o programa ofrecerá as conversas mantidas cos profesores e analistas políticos Roberto Blanco Valdés e Antón Losada.