Pasar al contenido principal

Comezou o primeiro congreso internacional de Medicina e Cirurxía da USC

O decano, no centro da mesa, na sesión inaugural do congreso este luns na Facultade de Medicina. Foto: Servimav-USC
O decano, no centro da mesa, na sesión inaugural do congreso este luns na Facultade de Medicina. Foto: Servimav-USC

Novos avances en Medicina é o lema do primeiro congreso internacional de Medicina e Cirurxía da USC (CIMQ’16) que organiza a asociación MEIGA (MEdicina Intercambios Galicia) ata o próximo mércores 16 na Facultade de Medicina coa participación de máis de 250 congresistas.

O encontro, no que participan máis de medio centenar de destacados investigadores tanto de Galicia e España como de Canadá, Suecia e Portugal que acoden a cita en calidade de colaboradores, permitirá achegar os participantes aos novos achados e técnicas no campo da medicina, así como promover o diálogo e o intercambio de experiencias e aprender de novas ideas que axuden a abordar os retos do futuro. Como explica o presidente de Meiga Xavier Branco, este congreso toma o relevo do Congreso Ibérico de Medicina e Cirurxía (CIBEME) celebrado hai un ano, coa vontade de ser un “ espazo para o pensamento crítico”. O seu desenvolvemento posibilita o intercambio de coñecemento e experiencias entre docentes, profesionais e estudantes da Península Ibérica e outros países, achegar comunidades médicas de distintos países e serve de plataforma de presentación dos traballos de investigación de estudantes ante un público interesado.

No panel de conferenciantes que compón o programa figuran destacados profesionais como o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS e ex presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, J. Ramón Juanatey; o neurocirurxián Andrés Lozano; o catedrático Ángel Carracedo; ou o presidente da International Stress Management Association e director da División de Investigación de Estres do Instituto Karolinska, Lennart Levi, entre moitos outros. A súa presenza permitirá abordar temas de vangardia sobre hemodinámica, cirurxía cardiovascular e técnicas de imaxe, así como coñecer os últimos avances na ciencia do cancro, a medicina forense e as enfermidades renais raras, entre outros.

O programa tamén inclúe intervencións que abordan cuestións relacionadas coa farmacoloxía a través da revisión do proceso de síntese, avaliación e comercialización dun fármaco ou a estimulación cerebral profunda no tratamento das enfermidades do comportamento e da memoria. Mención especial terán tamén as novas tecnoloxías con intervencións sobre a cirurxía robótica para o tratamento do cancro, as últimas técnicas de microfluídica aplicada o estudo de células, os últimos avances en traumatoloxía e as súas aplicacións para a mellora da calidade de vida do paciente ancián ou o traballo con sistemas robóticos na simulación de coidados intensivos.

Luns 14
Unha mesa redonda que analizou o estado da investigación no ámbito da cardioloxía e a cirurxía cardíaca marcou o inicio do programa do congreso este luns 14, que continuou cunha intervención sobre o proceso de descubrimento dun fármaco. Pola tarde está prevista unha serie de obradoiros sobre suturas e vendaxes e inmobilizacións para continuar coa sesión dedicada a neurocirurxía, na que o neurocirurxián Andrés Lozano falará sobre as aplicacións da estimulación cerebral profunda no tratamento de enfermidades do comportamento e da memoria. A xornada do día concluirá coa conferencia do presidente da International Stress Management Association e director da División de Investigación de Estres do Instituto Karolinska, Lennart Levi, para reflexionar sobre factores psicosociais e saúde nun contexto de crise.

Máis de medio cento de expertos e 250 congresistan, participarán no encontro. Foto. Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.03.2016.