Pasar al contenido principal

Comeza a segunda edición do programa de formación para a empregabilidade da USC

A Área de Orientación Laboral do campus de Santiago pon en marcha este xoves cun obradoiro sobre elaboración do currículo vitae a segunda edición do seu ‘ Programa de Formación para a Empregabilidade’ que se levará a cabo nos meses de marzo e abril. Coas distintas actividades, todas gratuítas, trátase de dotar a estudantes e recén titulados/as de instrumentos que lles faciliten a busca de emprego e a incorporación ao mercado laboral.

Para este mes de marzo están previstas outras catro accións, as dúas primeiras coa matrícula aberta. O día 15 será a quenda de aprender habilidades básicas de comunicación interpersoal e coñecementos para realizar presentacións orais eficaces, mentres que o 16 terá lugar un obradoiro para identificar e transmitir o valor diferenciador como profesional á hora de buscar traballo.

Xa o día 29 haberá unha sesión de desenvolvemento de competencias para o traballo en equipo e o 30 a xornada MÓVETE na que se explicarán distintos programas de prácticas internacionais, recursos e oportunidades de traballo e mobilidade para a mocidade. Para estas dúas xornadas a matrícula abrirase proximamente.

O programa complétase en abril con sesións sobre a imaxe profesional e a marca persoal, programas de prácticas para a iniciación profesional e un obradoiro práctico de técnicas de selección de persoal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.03.2016.