O Campus Terra da USC esperta en México o interese da Rede Temática de Colaboración Sustentabilidade e Desenvolvemento

Unha delegación mexicana da Universidade Autónoma de Zacatecas encabezada pola profesora e investigadora Luz Evelia Padilla Bernal, quen figura entre os impulsores da Rede Temática de Colaboración Sustentabilidade e Desenvolvento, está a completar este mércores unha visita institucional ao Campus Terra da USC, onde mantivo un encontro con vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
O futuro deseño e establecemento de programas de intercambio académico e de investigación, tanto de profesores como de estudantes entre a Universidade Autónoma de Zacatecas e o Campus Terra da USC é un dos cometidos presenza en Lugo de Padilla Bernal en Lugo, quen tamén pretende aproveitar a súa estadía na USC para fortalecer e ampliar as ligazóns da Rede de Colaboración Sustentabilidade e Desenvolvemento, coa que xa está a colaborar a USC a través do grupo de investigación Economía Ambiental, que coordina María Loureiro García. A profesora Padilla Bernal, doutora en Economía Agrícola pola Universidade Estatal de Colorado e máste en Economía Agrícola polo Colexio de Posgraduados en Ciencias Agrícolas de Mëxico, mantén abertas na actualidade diversas liñas de investigación relacionadas cos agronegocios sustentables e as finanzas en unidades de produción agrícola. Estas liñas de traballo van da man das actuacións que está a desenvolver na actualidade a Rede Temática de Colaboración Sustentabilidade e Desenvolvento, un colectivo no que están representados varios grupos de investigación mexicanos interesados pola agricultura sustentable e pola xestión ambiental das unidades de produción agrícola. A visita desta delegación da universidade mexicana de Zacatecas á USC encádrase precisamente neste cometido. Daquela, parte das actividades que está a realizar a delegación encabezada por Padilla Bernal e da que, entre outros, tamén forma parte o doutor e profesor Alberto Vélez Rodríguez, pasa por coñecer os plans e programas de estudo que oferta a USC no ámbito das áreas económica, administrativa e agrícola.