Pasar al contenido principal

As políticas de desenvolvemento rural e a súa incidencia en Galicia, a debate nun curso na Escola Politécnica Superior

Cartaz da Universidade de Verán 2016
Cartaz da Universidade de Verán 2016

‘A política de desenvolvemento rural 2014-2010. Novos e vellos retos para as áreas rurais’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do12 ao 14 de xullo na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC.

Estruturado en 20 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas pola temática, este programa formativo e de divulgación, dirixido por Edelmiro López Iglesias e Mar Pérez Fra, ofrece unha ollada retrospectiva, pero tamén con prospectiva, da política de desenvolvemento rural desenvolvida en Galicia desde comezos do século XXI a instancias da UE. O profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, Edelmiro López Iglesias abrirá a quenda de relatorios deste foro cunha exposición sobre a evolución das políticas de desenvolvemento rural da UE e a súa configuración no período 2007-2013. De seguido, o propio López Iglesias moderará unha mesa de debate na que diversos relatores analizarán a aplicación e os resultados destas políticas no caso de Galicia. Un obradoiro guiado polo profesor da USC na Escola Politécnica Superior Emilio Ramón Díaz Varela e orientado a identificar os retos futuros das áreas rurais en Galicia empregando como metodoloxía un Diagrama de Afinidade, abrirá a segunda xornada deste curso. O programa do 13 de xullo inclúe tamén sesións de análise e debate sobre as posibles contribucións do PDR 2014-2020 ao medio rural galego, así como sobre a evolución e os resultados do programa Leader. Un relatorio sobre as medidas de apoio á innovación e ao emprendemento na política de desenvolvemento rural da UE e a súa inclusión no PDR de Galicia 2014- 2020, a cargo do director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, seguida dunha mesa de debate na que se abordará o cometido das universidades e centros de investigación nas novas medidas de apoio á innovación en áreas rurais completan os temas incluídos no programa deste curso da Universidade de Verán 2016. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.06.2016.