A evolución da sociedade e do urbanismo de Lugo no último medio século, a debate este mércores na Casa do Saber
A evolución da sociedade e do urbanismo de Lugo no último medio século centrará este mércores, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a temática dunha mesa de debate organizada polo Club Cultural Valle Inclán no marco dos actos conmemorativos do seu 50 aniversario.
A sesión estará guiada e moderada por Felipe Arias Vilas, quen fará tamén unha breve introdución ao tema acompañada da proxección de imaxes, e nela intervirán como como relatores os arquitectos Anxo Carreira Montes e Santiago Catalán Tobía, ademais da antropóloga social e profesora da USC Elena Freira Paz.
Logo da intervención inicial de Felipe Arias, os tres relatores convidados abordarán nas súas respectivas intervencións cuestións ligadas a aspectos urbanísticos, pero tamén outros relacionados coa evolución e cambios experimentados en Lugo nos eidos culturais, económicos e sociais ao longo das últimas décadas.