A seguridade en internet centra este mércores un curso para universitarios sénior no auditorio da Casa do Saber de Lugo
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, na que está integrada a asociación de IV Ciclo Universitario do campus de Lugo da USC, desenvolverá este mércores, a partir das 10.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, o curso ‘Seguridade en Internet: Precaucións e consellos en dispositivos móbiles’, unha actividade formativa incluída no proxecto ‘Ágora Tecnoloxía’.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, ofrecerá, ás 10.30 horas, unha recepción a todas as persoas participantes neste curso, de asistencia libre e gratuíta e que tamén pode seguirse en liña, para o que é preciso rexistrarse na dirección electrónica https://attendee.gotowebinar.com/register/3513004894571220227. A presidenta da asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo, Lucía Saavedra, e o secretario da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Fegaus), David Prieto, tamén participarán no acto de benvida. O proxecto ‘Ágora-Tecnoloxía’ ten como obxectivo que as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) sexan ferramentas de uso eficiente e responsable para o estudantado sénior da USC en particular e para toda a poboación, en xeral, a fin de que Internet favoreza a creación dun ambiente educativo no que se poidan adquirir competencias do século XXI. A pretensión de favorecer o coñecemento para mellorar a calidade de vida das persoas maiores é tamén un dos cometidos do curso sobre seguridade en Internet, que se desenvolverá de xeito presencial este mércores no auditorio da Casa do Saber de Lugo, pero que tamén será retransmitido en directo vía internet aos 7 campus universitarios de Galicia, así como ás aulas do CEMIT, sedes de AFundación e ao alumnado que se teña rexistrado con antelación. A seguridade en internet é a temática do quinto dos cursos programados no ciclo ‘ Ágora-Tecnoloxía’. Nas sesións formativas xa desenvolvidas durante a última semana de febreiro nos campus de Vigo, Ferrol, A Coruña e Ourense abordáronse cuestións ligadas á comunicación en liña a través de whatsApp e Skype, compras pagos seguros e trámites en liña, redes sociais e fotografía e vídeo dixital. As prestacións do smartphone como guía cultural e de viaxes, e as solicitudes de cita médica a través de Internet centrarán a temática dos cursos que se desenvolverán este xoves e venres nos campus de Pontevedra e Santiago, respectivamente.