Pasar al contenido principal

Estudantes de IV Ciclo Universitario participan nun curso de Ágora Tecnoloxía sobre seguridade en Internet na Casa do Saber

Javier Bueno, entre Iciar Silvestre e Lucía Saavedra, na apertura do curso sobre seguridade en Internet na Casa do Saber
Javier Bueno, entre Iciar Silvestre e Lucía Saavedra, na apertura do curso sobre seguridade en Internet na Casa do Saber
O vicerreitor Javier Bueno abriu a sesión nun acto no que interviñeron a presidenta da asociación IV Ciclo do campus de Lugo, Lucía Saavedra, e Iciar Silvestre, da Fegaus

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, recibiu este mércores ao alumnado sénior da USC que participa como alumno no curso ‘Seguridade en Internet: Precaucións e consellos en dispositivos móbiles’, unha sesión formativa incluída no proxecto de divulgación e mellora do coñecemento ‘Ágora Tecnoloxía’, que a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Fegaus) está a desenvolver nos sete campus universitarios de Galicia.

A presidenta da Asociación IV Ciclo Universitario do campus de Lugo, Lucía Saavedra, e a representante da Fegaus e profesora de redes sociais, Iciar Silvestre, tamén participaron no acto de benvida ás persoas que optar por seguir de xeito presencial unha actividade formativa retransmitida vía internet a todos os campus de Galicia, así como ás aulas do Cemit, as sedes de AFundación e todos aqueles particulares conectados á Rede nos seus domicilios particulares. O proxecto ‘Ágora-Tecnoloxía’ ten como obxectivo que as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) sexan ferramentas de uso eficiente e responsable para o estudantado sénior da USC en particular e para toda a poboación, en xeral, a fin de que Internet favoreza a creación dun ambiente educativo no que se poidan adquirir competencias do século XXI. A pretensión deste curso pasa por favorecer o coñecemento para mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través da adquisición de novas competencias en materia TIC propias do século XXI, segundo sinalou Lucía Saavedra diante do público presente no auditorio da Casa do Saber de Lugo.

O curso realizado en Lugo é o quinto dos programados no ciclo ‘Ágora-Tecnoloxía’, no marco do que nos últimos días xa se desenvolveron distintas sesións formativas nos campus de Vigo, Ferrol, A Coruña e Ourense. Nestes seminarios presenciais abordáronse cuestións ligadas á comunicación en liña a través de whatsApp e Skype, compras pagos seguros e trámites en liña, redes sociais e fotografía e vídeo dixital. As prestacións do smartphone como guía cultural e de viaxes, e as solicitudes de cita médica a través de Internet centrarán a temática dos cursos que se desenvolverán este xoves e venres nos campus de Pontevedra e Santiago, respectivamente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.03.2016.