Coordinadores da Universidade Junior de Porto reúnense este venres en Lugo con promotores do Campus Verán Xuvenciencia
Os coordinadores da Universidade Junior de Porto Filomena Mesquita e Vítor Silva participarán este venres na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo nunha xuntanza de traballo con promotores e responsables do Campus de Verán Xuvenciencia, a fin de estudar sinerxias e posibles vías de colaboración entre dous proxectos promovidos para espertar o interese pola ciencia e a investigación entre a mocidade.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, que actuará como anfitrión deste encontro, ofrecerá unha recepción, ás 13.00 horas, aos visitantes lusos, que logo participarán nun encontro de traballo coa coordinadora do Campus de Verán Xuvenciencia, Mercedes Novo, así como con outros profesores e investigadores das distintas facultades e escolas universitarias do campus de Lugo tamén implicados neste proxecto, a fin de establecer posibles liñas de colaboración.