Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno aproba a Oferta Pública de Emprego de Persoal de Administración e Servizos para 2016

A Oferta Pública de Emprego do Persoal de Administración e Servizos da USC correspondente a 2016 contempla un total de 30 prazas que consolidan postos de traballo temporais, dez de funcionarios/as e as restantes como persoal laboral. O Consello de Goberno aprobou esta proposta dimensionada coa taxa de reposición autorizada, do 100% das baixas producidas neste capítulo do cadro de persoal durante o pasado ano. Ademais, esta oferta de emprego non consumiría recursos orzamentarios adicionais xa que as prazas están dotadas no orzamento inicial da USC para este ano.

As dez prazas do corpo de funcionarios/as inclúen seis da escala técnica superior de Administración, outras tres da escala de Xestión e unha da de Axudantes de arquivos, bibliotecas e museos con especialidade biblioteca. Polo que respecta ao de persoal laboral, a oferta contempla doce prazas de técnicos/as de investigación (once da especialidade de Bioloxía e Saúde e outra de Electrónica e mecánica); catro de técnico/a superior de investigación; tres de técnico/a especialista de investigación (dúas da especialidade biolóxica e a terceira da de saúde); e unha de técnico/a xestor de sistemas (especialidade de xestión de sistemas). Esta oferta foi informada favorablemente pola Xunta de Persoal Funcionario.

Na orde do día o Consello de Goberno da USC trata en sesión ordinaria diversas cuestións referidas ao persoal universitario, á organización departamental e académica e á modificación de normativas que afectan ao alumnado.

En materia laboral, este órgano de goberno tamén valora, entre outras cuestións, os cambios de dedicación e mobilidade do PDI, as licenzas por permiso sabático, as prórrogas de contratos para determinado profesorado ou as prazas de PDI correspondentes á planificación do curso 2016-2017 así como a modificación da RPT derivada desta.

Por outra banda, o Consello de Goberno estuda unha proposta de concesión dunha oportunidade extraordinaria de recuperación para o alumnado que cursou materias nos plans de estudos en extinción polo grao. As memorias de cursos de posgrao, a creación de posgraos propios, a modificación da normativa de IV Ciclo ou a creación das cátedras do Pan e do Cereal e de Educación Médica USC-Semergen son outras cuestións que completan a orde do día da xuntanza.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.06.2016.