Pasar al contenido principal

O prazo de inscrición no programa Yuzz de emprendemento remata este venres

O prazo de inscrición na nova edición do programa ‘Santander YUZZ - Xuventude con ideas’ continúa aberto ata o venres, 2 de decembro, na USC. Nesta ocasión, como novidade, a iniciativa ofrécese tamén no campus de Lugo.

Trátase dunha oportunidade para formarse de maneira gratuíta e adquirir habilidades profesionais e coñecementos para sacar adiante unha idea empresarial innovadora e de base tecnolóxica da man de especialistas de primeiro nivel. Xunto á formación presencial en innovación, liderado, finanzas, mercadotecnia ou modelos de negocio, un equipo de titores encargarase de asesorar os participantes durante todo o programa.

Unha vez finalizado o proceso de formación, os mellores emprendedores de cada un dos centros YUZZ de España viaxarán a Silicon Valley, a meca mundial da innovación. Ademais, os tres mellores proxectos recibirán unha dotación económica para axudarlles a pór en marcha o seu negocio: 30.000 euros para o primeiro premio, 20.000 para o segundo e 10.000 para o terceiro. Outorgarase tamén o premio YUZZ Muller, dotado con 20.000 €.

Este programa está promovido polo Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) e conta coa colaboración, a nivel local, da Universidade de Santiago de Compostela e da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia.

Todas as persoas interesadas en desenvolver a súa idea de negocio deberán presentar a súa candidatura a través dun formulario dispoñible en http://yuzz.org.es/formulario-inscripcion/

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.11.2016.