O director do grupo de Sistemas Radiantes Francisco Ares, nomeado editor asociado da revista IEEE Transactions on Antennas and Propagation

O director do grupo de Sistemas Radiantes da USC, o catedrático Francisco José Ares Pena, acaba de ser nomeado editor asociado da revista IEEE Transactions on Antennas and Propagation, converténdose no primeiro español que desempeña esta función dentro panel editorial da publicación. Esta é unha publicación posicionada no primeiro cuartil (Q1) na temática ‘ Telecomunications’ dentro do derradeiro Journal Citation Reports (JCR) elaborado por Thomson-Reuters.
A súa misión como editor asociado será aconsellar o editor en xefe sobre a aceptación e rexeitamento de manuscritos, baseándose nos comentarios solicitados aos revisores que o propio editor debe adxudicar e coordinar. En opinión do profesor Ares esta é unha figura “capital para manter o alto nivel acadado polo Transactions”. Dentro do eido das antenas e a propagación electromagnética, esta publicación ten o seu xerme no Grupo Profesional en Antenas e Propagación dentro do Institute of Radio Engineers ao crear en 1953 a revista científica Transactions on the IRE e que dez anos mudaría o seu nome pola transformación deste instituto no Institute of Electrical and Electronic Engineers (IEEE).
As temáticas máis salientables que abrangue esta publicación son a análise, deseño e medida de antenas, técnicas numéricas aplicadas ao electromagnetismo, propagación e dispersión de ondas electromagnéticas ou comunicacións sen fíos, entre outras cuestións.
Francisco Ares
Presidente da rama española da Unión Científica Internacional de Radio, o profesor Ares tamén foi distinguido en 2009 como fellow do IEEE, único español daquel ano, polas súas achegas en síntese de diagramas de radiación en agrupacións de antenas. É autor de preto de 170 artigos en revistas internacionais, nove capítulos de libro e máis de 200 comunicacións a congresos nacionais e internacionais.