Pasar al contenido principal

Arte, cultura e ordes relixiosas no IX simposio internacional Opus Monasticorum

Arte, cultura e ordes relixiosas no IX simposio internacional Opus Monasticorum
Arte, cultura e ordes relixiosas no IX simposio internacional Opus Monasticorum

O claustro é o centro de calquera mosteiro ou convento, o lugar onde late con máis intensidade a vida da comunidade. Por esa razón, o grupo de investigación Iacobus ‘Proxectos e estudos sobre patrimonio cultural’ elixiu o título tempos de claustro para a novena edición do simposio internacional Opus Monasticorum, que se desenvolverá dende este mércores 30 ata o venres 2 de decembro nas Facultades de Filosofía e Historia.

No congreso presentaranse, a través de diferentes enfoques metodolóxicos, os avances máis relevantes no ámbito da investigación sobre monacato e ordes conventuais, dende a visión histórica máis asentada ata as alternativas de futuro que o seu patrimonio lle ofrece á sociedade actual.

Entre os relatorios do programa, que comezan este mércores ás 9.30 horas en Filosofía, figuran estudos tan variados como os claustros sevillanos do Barroco, o convento compostelán de San Francisco, a arte das fundacións teresianas en Castela-A Mancha, o uso de mosteiros e conventos tras a exclaustración ou os claustros da comarca noiesa.

O simposio contextualízase no desenvolvemento dos proxectos de investigación ‘O patrimonio monástico e conventual galego da Reforma dos Reis Católicos á Exclaustración’, de Ana Goy Diz e José M. García Iglesias, e ‘Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación competitivas’, de Juan Monterroso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2016.