Proxección do documental ‘África the Beat’ no auditorio da Casa do Saber

O auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC acubillará este sábado 26 de novembro, a partir das 20.00 horas, a proxección do documental ‘África the Beat’, unha produción dirixida por Samaki Wanne en colaboración con Javier Arias Bal, Polo Vallejo, Pablo Veiga e Manuel Veiga.
A proxección deste documental, cuxa acción se desenvolve en Nzali, un enclave situado no corazón de Tanzania onde habitan os wagogo, que son posuidores dun universo musical único, está organizada polo Club Cultural Valle-Inclán. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo. Desde o primeiro fotograma do filme ata o último son, cada imaxe penétranos na realidade diaria dos seus habitantes ao mesmo tempo que a música vai aos poucos mergullándonos nun inesperado mundo de sensacións. O día e a noite, o paso do tempo e das estacións, a natureza e os seus elementos, a auga, o valor da palabra e dos relatos, as etapas da vida, todo iso emerxendo dunha pulsación ao redor da cal se articula cada momento da existencia. Rodada con medios técnicos básicos, ‘Africa the Beat’ conxuga a mirada dun pintor, a visión dun cineasta e o oído de dous músicos. O documental prescinde dunha voz en off que condicione ou invada os sentidos do espectador e deixa que sexa este quen experimente as súas propias emocións e constate o lugar esencial que ocupa a música na vida.