A biodiversidade e o patrimonio na montaña luguesa, a debate en xullo en Cervantes no marco da Universidade de Verán da USC

‘A biodiversidade e o patrimonio da montaña luguesa: Conservación e uso social’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán 2016 da USC e que se desenvolverá do 13 ao 15 de xullo en Piornedo de Ancares, no concello de Cervantes.
Estruturado en 26 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 30 personas, o programa dirixido polos profesores da USC Elena Freire Paz e Augusto de Castro Lorenzo, constitúe un foro acaído para afondar no estudo e no coñecemento da biodiversidade da montaña lucense, ademais de para coñecer as distintas accións postas en marcha para a súa conservación. O profesor da USC Juan Ángel Díaz Pazos abrirá a quenda de relatorios deste seminario estival da USC cunha intervención baixo o título ‘Aspectos bioxeográficos e singularidade da fauna de Invertebrados das serra de Os Ancares e O Courel’. A xestión dos ungulados de montaña na cordilleira Cantábrica, o oso pardo en Galicia, os Pícidos da cordilleira Cantábrica e a resposta das aves rapaces aos cambios de uso do solo en áreas de montaña de Galicia completan a relación de temas que se abordarán na primeira xornada deste foro da Universidade de Verán 2016 da USC. Os resultados do proxecto de cría en cautividade do urogalo no Cantábrico, a paisaxe cultural dos Ancares, as paisaxes glaciares e o home e o medio na montaña oriental lucense serán as cuestións a tratar na segunda xornada deste curso, cando está programado, xa en quenda de tarde, unha ruta guiada pola serra dos Ancares. O curso de verán ‘A biodiversidade e o patrimonio da montaña luguesa: Conservación e uso social’ chegará ao seu remate o 15 de xullo cunha nova xornada, na que os distintos relatores convidados abordarán cuestións ligadas ao legado ecolóxico da tradición cultural ancaresa, adaptacións culturais ao medio natural, posta en valor dos apeiros e vantaxes e inconvenientes da protección de espazos naturais. Unha visita cultural polas aldeas de Piornedo e Vilarello pechará a programación deste foro. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.