Pasar al contenido principal

Segundo concerto do ciclo ‘A pequena historia do cuarteto de corda’

Segundo concerto do ciclo ‘A pequena historia do cuarteto de corda’
Segundo concerto do ciclo ‘A pequena historia do cuarteto de corda’

O ciclo ‘Pequena historia do cuarteo de corda’ da USC que comezou en maio continuará este luns 13 coa actuación, ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade, da formación composta polos violinistas Jorge Montes Martínez e Roberto Santamarina Fernández, a viola María José Pámpano López e o violonchelista Carlos García Amigo, que interpretarán As sete últimas palabras de Cristo na Cruz Op. 51 de Joseph Haydn. Intervirá como narrador o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro.

Jorge Montes Martínez
Nado na Coruña en 1982, estuda violín e música de cámara con Keiko Wataya e Charles-André Linale na Hogeschool voor de Kunsten Utrecht, Holanda. Bolseiro da Accademia Musicale Chigiana, amplía a súa formación con G. Carmignola en Siena, Italia. Ofreceu numerosos concertos en España, Holanda, Portugal, Francia, Alemaña, Bélxica, Ucraína, Polonia, Italia, Xapón, Arxentina, Chile, Uruguai e Brasil, no marco dos máis importantes festivais como o Via Stellae, Sen Batuta ou Music Masters Kazusa, destacando a súa actividade como solista coa “Orquestra Xove da OSG”, baixo a batuta de Rubén Gimeno, coa Orquestra Filharmónica de Odessa, Ucraína.

É membro fundador do ensemble s21, especializado en música contemporánea, de música práctica, e do grupo de música antiga Ars Combinatoria. Colabora dende o ano 2000 coa Orquestra Sinfónica de Galicia e coa Orquestra Sinfónica de Castela e León, entre outras. Na actualidade é profesor de violín do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol así como director da Orquestra de Nenos da OSG desde a súa creación en 2010.

Roberto Santamarina Fernández
Realiza os seus estudos de violín no Conservatorio de Santiago. Foi membro da Xoven Orquestra de Galicia, sendo bolseiro polo IGAEM para realizar estudos de posgrao en Oviedo con Yuri Nashuskin ao tempo que estuda interpretación histórica na Universidade de Salamanca. Foi profesor de Violín e Viola na Xoven Orquestra de Galicia e membro da Orquestra da Comunidade Autónoma de Galicia e Orquestra Barroca de Salamanca. A nivel camerístico recibiu clases entre outros do Trío Fontenay, Cuarteto Moravo e Cuarteto Sedlâcek. Desde 1997 desenvolve unha intensa labor pedagóxica como profesor de violín, viola e director de orquestra dos Conservatorios de Vigo, Pontevedra, Lugo e Santiago de Compostela, sendo actualmente profesor de violín numerario deste centro.

É integrante de varios grupos especializados en música antiga e interpretación histórica con instrumentos orixinais, como Martín Codax, Grupo 1500 e Rúa Barroca, participando na gravación e edición de repertorio inédito da península Ibérica. Dende 2012 é membro fundador e Director da Orquestra de Cámara “Música Acordada”.

C arlos García Amigo
Nacido na Coruña en 1973, aos 11 anos iníciase na práctica do cello. Entre os seus mestres destacan Lito Iglesias, Dalibor Sebestik ,Gregor Hosch, Monique Bartels e Antoine Ladrette. Nos seus anos de formación foi bolseiro de diversas institucións como a Fundación Barrié de la Maza e formou parte da Xoven Orquestra de Galicia, da Joven da OSG, da Schleswig-Holstein Musik Akademie Orchester así como do Grupo In Itinere da USC.

En 2001 ingresa na Real Filharmonía de Galicia coa que actuou en diversas cidades do Estado así como de xira en Francia, Portugal, Arxentina, Brasil, Cuba.. Impulsor da Asociación de Violonchelistas de Galicia ’Soncello’ da que é socio cofundador, tamén foi responsable do cuarteto de violonchelos de Compostela ‘Chelicia’ e membro do Trío Artabria e o ensemble 21, este último consagrado á música contemporánea. É un activo instrumentista no campo da interpretación con instrumentos de época, o que o levou a colaborar con diferentes grupos de España e Portugal entre os que destacan ‘Ars Combinatoria’, ‘Alio Modo’, ‘Il Combattimento’ e ‘Americantiga’.

María José Pámpano López
Realiza os seus estudos de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo e completa a súa formación na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia co profesor Nikolay Velikov. Interesada na interpretación histórica da música, comeza os seus estudos de violín barroco xunto á prestixiosa violinista Amandine Beyer na Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo do Porto onde posteriormente remata o seu Mestrado en Interpretación Histórica coa presentación da súa tese ‘ A técnica chin-off na interpretación do violín nos s. XVII e XVIII’.

Realiza diversos cursos de especialización e participa nas master-class de violinistas como Mira Glodeannu, Enrico Gatti, Pedro Gandía, Ángel Sampedro, Lucy van Dael, Peter Spissky ou Manfredo Kramer e forma parte e colabora con diversas agrupacións especializadas no repertorio barroco como a Orquestra Barroca da Universidade de Salamanca, Orquestra Barroca do Real Conservatorio de Bruxelas, Orquestra Barroca do Conservatório de Amsterdam ou Orquestra Barroca do Conservatorio de Malmo.

Ben como violinista ou como violista ten participado coa Orquestra Barroca de Venecia, Orquestra Barroca da Casa da Música do Porto, Orquestra Barroca Norte do Sul, o grupo Ars Combinatoria ou co emsemble Gli Incogniti. A súa inquietude musical abrangue desde a investigación sobre o repertorio medieval –participando como fidulista cos grupos Amar contra o silencio, Capela Compostelán ou o grupo 1500– ata o repertorio máis contemporáneo e experimental xunto a Orquestra de Música Espontánea de Galicia ou co cuarteto de cordas de libre improvisación Suelen Estar Quartet.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2016.