Pasar al contenido principal

Imaxes sólidas que recrean unha ‘modernidade líquida’

Imaxes sólidas que recrean unha ‘modernidade líquida’
Imaxes sólidas que recrean unha ‘modernidade líquida’
A mostra ‘Mundo líquido’ inaugúrase esta tarde na Igrexa da Universidade

A partir do concepto de ‘modernidade líquida’ desenvolvido por Zygmunt Bauman, Premio Príncipe de Asturias da Comunicación e Humanidades en 2010, a Universidade de Santiago inaugura este mércores 15 unha exposición composta por fotografías realizadas por membros de Fotoforum Compostela.

Para Bauman a sociedade actual caracterízase por un estado fluído e volátil, sen valores sólidos, no que a incerteza pola vertixinosa rapidez dos cambios debilitou os vínculos humanos, que agora son provisionais e precarios. A idea da mostra é, xa que logo, usar ese concepto como espello do momento actual e que cada autor ou autora constrúa unha imaxe que serva para reflexionar sobre todo isto. En esencia, crear imaxes ‘sólidas’ dun mundo ‘líquido’.

A mostra ‘Mundo líquido’ inaugurarase ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade nun acto no que participan a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, o responsable do Espazo de Fotografía da USC e de Fotoforum Compostela, Fuco Reyes, e todos os fotógrafos e fotógrafos participantes.

Consumismo, exceso de información como fonte da ignorancia, vínculos afectivos cada vez máis fútiles, soidade e vellez como conceptos denostados ou a creación como obxecto de consumo inmediato. Todos estas ideas que reflicten a modernidade da que fala Bauman subxacen na mostra ‘ Mundo líquido’ que se poderá visitar ata o 15 de xullo de luns a venres de 18.00 a 21.00 e os sábados de 11.00 a 14.00 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2016.