Presentouse no MUPEGA o libro A Investigación Educativa en Galicia 2002-2014

O profesor de Ciencias da Educación da USC e director do grupo de investigación Esculca, Miguel Anxo Santos Rego, presentou este mércores no Museo Pedagóxico de Galicia o libro A Investigación Educativa en Galicia 2002-2014, froito da colaboración entre investigadoras e investigadores de educación das tres universidades galegas.
Publicado por Galaxia e coa coordinación de Santos Rego, o volume amosa a diversidade de eidos de interese que alicerzan a curiosidade científica arredor dos procesos educativos, dentro e fóra da escola, e a pluralidade de enfoques e métodos de investigación desenvolvidos durante máis de dez anos.
Trátase de poñer ao dispor da sociedade un conxunto de análises e datos para a prevención do fracaso escolar, a mellora da innovación educativa nas escolas, a formación do profesorado, a xestión da diversidade cultural e o aproveitamento dos coñecementos das familias nos procesos educativos.