Segundo concerto do ciclo das sonatas para piano de Beethoven

Os pianistas Rosalía Gómez Lasheras e Javier López Jorge ofrecerán o luns 14 o segundo concerto do ciclo ‘Unha vida de emocións en 32 sonatas’. Será ás 20.30 horas no Paraninfo, con entrada libre. No recital soarán as sonatas 4 en Mi bemol maior, Op. 7; 5 en Do menor, Op. 10 n° 1; 6 en Fa maior, Op. 10 n° 2; e Sonata 7 en Re maior, Op. 10 n° 3.
Rosalía Gómez
Nada en Compostela en 1994, comeza a súa formación pianística aos 5 anos con Alexander Gold e María José Cerviño. En 2011, tras recibir o Premio Extraordinario do Conservatorio de Santiago, trasládase a Holanda para estudar, e actualmente reside en Suíza, onde continúa perfeccionando a súa carreira musical.
Rosalía Gómez gañou o XVI Concurso de Piano Infanta Cristina (Madrid, 2012), o XV Cicle de Primavera (Barcelona, 2012) ou o Premio Chopin no VII Concurso de Piano Alto Minho (Portugal, 2010); e actuou en escenarios de Holanda, Austria, Portugal, Bélxica, Alemaña, Rusia, Exipto e Estados Unidos.
Conta cunha ampla experiencia como solista, traballando con directores da talla de Philippe Herreweghe, Ettiene Siebens ou Ahmed el Sali; e orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Presjovem, Orkestacademie, Orquestra Gaos, Noord Nederlands Orkest, Nederlands Jonge Orkest e Cairo Symphony Orchestra.
Tras o seu éxito no concurso Young Pianist Foundation (Amsterdam, 2013), onde obtivo o 1º Premio xunto co Laureates Award e as Mellores Interpretacións de Sonata Clásica, Schumann e Música Moderna, tivo o seu recital debut no Concertgebouw de Amsterdam e desde entón goza dunha intensa actividade concertística por auditorios holandeses.
J avier López Jorge
Nado en Santiago, Javier López comeza os seus estudos de piano aos oito anos cos profesores Sonia Rohrer, Marina Shamagian, Ofelia Aznaurova e Alexander Gold Makarov. En 2010 graduouse con matrícula de honra no Conservatorio Superior de Salamanca baixo a tutela de Patrín García-Barredo e Miriam Góez-Morán.
Recibiu clases de mestres como Almudena Cano, Ana Guijarro, Boris Berman, Frank Wibaut, Claudio Martínez Mehner, Pavel Gililov, Imre Rohmann, Maria João Pires e Ferenc Rados, entre outros. Ademais, traballa intensamente con compositores da talla de José Luis Turina, Agustí Charles e Ramón Humet.
Entre os anos 2010 e 2012 estuda un Máster en interpretación pianística no Royal College of Music de Londres baixo a tutela do prestixioso pianista e pedagogo Andrew Ball. Neses anos, e ata a actualidade, establece un dúo co tenor británico William Morgan. En 2012 trasládase a Budapest para continuar os seus estudos, que hoxe son xa de doutoramento.
López Jorge obtivo premios en diversos concursos como o Internacional de piano Donostia Hiria en 2001 (segundo premio), o II de piano ASGAIM (primeiro premio) e o Joan Chissel Robert Schumann Lied Competition (primeiro premio).