Pasar al contenido principal

Modesto Seara doa á biblioteca da USC oito volumes editados entre 1591 e 1785

De esquerda a dereira, Isabel Rodríguez-Moldes, Juan Viaño, Modesto Seara e Mabela Casal. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereira, Isabel Rodríguez-Moldes, Juan Viaño, Modesto Seara e Mabela Casal. Foto: Servimav-USC
Imparte tamén unha conferencia no Paraninfo da Universidade ás 19.30 horas

Oito volumes editados entre 1591 e 1785 conforman a doazón que o reitor das universidades estatais de Oaxaca (México), o ourensán Modesto Seara Vázquez, entregou este martes 15 á USC para a súa incorporación aos fondos da Biblioteca Universitaria. Nun acto na Biblioteca América (Colexio de Fonseca) presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, na recepción destes exemplares participaron tamén a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal.

Os oito volumes, correspondentes a sete títulos distintos, xiran arredor do ámbito formativo e de estudo cultivado por Modesto Seara, principalmente Dereito e Teoloxía e temas afíns como a relación da Igrexa e Estado ou Filosofía do Dereito. Tres do exemplares foron editados no século XVIII, e os catro restantes nos séculos XVI e XVII.

Un dos títulos é Illustrium Contrioversiarun Aliarumque Usu Frequentium (1599), de Fernando Vázquez de Menchaca, un dos xurisconsultos máis importantes da súa época, enviado ao Concilio de Trento por Felipe II. A Biblioteca Universitaria ten varias obras deste autor, pero non esta edición en concreto. Tampouco formaban parte do fondo da USC a edición de 1613 de Tractatus de legibus ac Deo Legislatore, de Francisco Suárez, autor da outra obra tamén do mesmo ano - Defensio fidei catholicae et apostholicae adversus anglicanae sectae errores- da que a USC si conserva un exemplar. Francisco Suárez foi teólogo, filósofo e xurisconsulto, considerado o principal mestre da Compañía de Xesús na España do seu tempo. O Papa Paulo V convidouno a refutar o libro de Jacobo I de Inglaterra escrito contra Belarmino.

As outras obras que Modesto Seara inclúe na doazón son Vocabularium Utriusque Juris (1591), de Alexander Scot; Theologicae Sancti Augustini libris excerptae (1769) de San Agustín; Melchioris Cani Episcopi Canariensis, ex Ordine Praedicatorum (1785), de Melchor Cano; e un volume de Johann Gottlieb Heinecke.

Seara
Modesto Seara (Allariz, 1931) é o iniciador e deseñador do Sistema de Universidades Estatais de Oaxaca, que conta neste momento con 17 campus de dez universidades que cobren a totalidade do territorio de Oaxaca: Universidad Tecnológica de la Mixteca, Universidad del Mar, Universidad del Istmo, Universidad del Papaloapan, Universidad de la Cañada, Universidad de la Sierra Juárez, Universidad de la Sierra Sur, Universidad de la Costa, Universidad de Chalcatongo e NovaUniversitas.

Conferencia
Xa pola tarde, ás 19.30 horas no Paraninfo da Universidade, Modesto Seara pronunciará a conferencia ‘Unha visión persoal do século XX... e o que vén despois’. Nesta sesión acompañarano o reitor Juan Viaño e o director xeral de RedEmprendia, Senén Barro Ameneiro.

O acto de doazón celebrouse na Biblioteca América. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2016.