Pasar al contenido principal

Dobre concerto da Orquestra Universitaria nas Xornadas de Música Contemporánea co seu ‘camiño de melodías’

Dobre concerto da Orquestra Universitaria nas Xornadas de Música Contemporánea co seu ‘camiño de melodías’
Dobre concerto da Orquestra Universitaria nas Xornadas de Música Contemporánea co seu ‘camiño de melodías’

A Orquestra Universitaria do Espazo de Cámara da USC que dirixe Mario Diz participará nas Xornadas de Música Contemporánea este venres 18 e o domingo co programa ‘O século XX, un camiño de melodías’, que recolle composicións e estreas chegadas de alumnado dos principais centros superiores de estudos de composición de cada un dos cinco Camiños de Santiago.

Ambos os dous concertos, gratuítos, terán lugar na Sala Agustín Magán. O do venres será ás 20.30 horas e irá precedido dunha breve charla con Francisco Durán, profesor de Análise Xeográfico Rexional da USC, mentres que o das 12.00 horas do domingo terá un formato dirixido ás familias.

A Orquestra
A Orquestra do Espazo de Cámara naceu en 2010 co obxecto de impulsar na xuventude universitaria, e por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural que procura de maneira prioritaria a formación dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Dende 2010, a orquestra participou en numerosos proxectos como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez; o concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior a cargo de Carlos G. Amigo; un monográfico sobre Astor Piazzolla ou outro sobre a música galega.

Xa en colaboración coa Aula de Teatro da USC, a orquestra dirixida por Mario Diz realizou unha versión do musical ‘Sweeney Todd’, de Stephen Sondheim, co que acadou os premios ao mellor espectáculo do festival de teatro de Covilhâ, o do público da MITEU de Ourense e ao mellor espectáculo no XVI-ias tarptautinis universitetu teatru forumas en Vilnius, Lituania. Participa nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto á Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas.

A Orquestra, un proxecto artístico ao que se incorporaron no tempo diversos profesores da Real Filharmonía de Galicia así como outros profesores relevantes do ámbito musical galego, foi ademais incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan formacións de máis de 28 nacionalidades.

O director
Mario Diz exerce nos últimos anos unha intensa actividade compositiva para diferentes agrupacións profesionais e didácticas entre as que caben destacar estreas absolutas nos dous últimos ciclos das Xornadas de Música Contemporánea e o encargo de Tres piezas para banda por parte da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela. Compuxo ademais diferentes pezas para distintas agrupacións de cámara nas que ten unha mención especial a estrea e gravación por parte da mezzosoprano Nuria Lorenzo coa suite de nanas Todos los niños sueñan para mezzosoprano, viola e arpa.

É profesor de violín e viola da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela. A súa paixón pola didáctica destes instrumentos reflíctese na súa recente publicación, Mi primer violín, para a iniciación en idades temperás, que inclúe máis de 20 pezas compostas expresamente para este obxectivo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2016.