Últimos días para inscribirse na xornada monográfica de tai chi e chi kung

Este sábado 26 terá lugar na Residencia Universitaria Monte da Condesa o curso monográfico de tai chi e chi kung que impartirá Amancio Rial, profesor de tai chi, kung fu e meditación da Fundación USC Deportiva, e para o que aínda hai algunha praza libre.
A xornada permitirá achegarse á cultura e ás diferentes visións que certas disciplinas orientais teñen sobre o corpo e a mente, ademais de adquirir as ferramentas necesarias para acadar e manter un estado físico e mental saudable e coñecer algunha técnicas de respiración, meditación e relaxación.
O tai chi chuan, comunmente chamado tai chi, é unha antiga arte marcial de orixe chinesa, practicada na actualidade en todo o mundo e recoñecida polos seus beneficios para a saúde integral das persoas.
Os antigos mestres chineses concibíana como a arte suprema para manter a saúde ou, nos seus termos, o correcto fluxo de enerxía “chi” ao longo dos meridianos e dos distintos órganos. O seu carácter relaxado e meditativo fai que esta disciplina obteña moi bos resultados a nivel mental, de equilibrio emocional e enerxético. Deste xeito, o tai chi é moi efectivo para todo tipo de persoas, independentemente da súa idade ou condición física.