Pasar al contenido principal

O Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero elixe uns premios da USC entre as dez mellores boas prácticas europeas no seu ámbito

Foto de grupo das iniciativas gañadoras da sexta edición dos premios (Foto: El Correo Gallego)
Foto de grupo das iniciativas gañadoras da sexta edición dos premios (Foto: El Correo Gallego)
Os ‘Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación’ son a única iniciativa sinalada de España

O Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero (EIGE) elixiu os Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación da USC como unha das dez mellores boas prácticas de promoción da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación de entre máis de 50 de toda a Unión Europea.

A da USC é ademais a única dunha universidade ou centro de investigación de España. As nove restantes son iniciativas de Dinamarca, Austria, Suecia, Lituania, Bélxica, Alemaña, Portugal e Reino Unido.

Os premios da USC responden ao II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC e contemplan dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do PDI da USC. Unha primeira para as accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC e outra que valora os traballos de investigación en calquera ámbito do coñecemento. Precisamente este venres 25, coincidindo co acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, entregaranse os galardóns correspondentes á sétima edición.

Proxecto europeo
A selección levouse a cabo no marco dun proxecto do EIGE e da Dirección Xeral da Comisión Europea para a Investigación e a Innovación centrado na integración da igualdade de xénero nas universidades e institucións de investigación europeas desenvolvido en varias fases ao longo de case dous anos.

Así, unha vez localizadas iniciativas de estímulo e promoción da igualdade de xénero na investigación, identificáronse boas prácticas que agora participarán nunha ferramenta en liña (GEAR tool) para apoiar as organizacións investigadoras na creación, execución e seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2016.